O líder do Partido Popular de Santiago, Borja Verea, propuxo hoxe no Pleno que “se retiren, de forma inmediata, todos os radares de Conxo e, no caso de non facelo, que o goberno de BNG e CA se comprometa a baixar os impostos na mesma cantidade na que se suban as multas”.
“O Partido Popular de Santiago presentouse ás eleccións cun compromiso, retirar os radares do paso subterráneo de Conxo, compromiso coñecido e transparente, nós o mantemos e, no caso de gobernar, os retiraremos, agora queremos saber que pensan o resto de grupos políticos”.
“Preguntámonos tamén -dixo Verea- por que Goretti Sanmartín mudou a súa palabra, xa que, cando era oposición, manifestouse numerosas veces en contra destes dispositivos e, agora, o que propoñen é todo o contrario, sementar Santiago de moitos máis”.
Borja Verea destacou que “a palabra de Goretti Sanmarín non ten valor, pero ten que explicar porque quere poñer máis radares, por que quere multiplicar por dous as multas, por que se se está dicindo que non é un plan recadatorio, non reduce os impostos na mesma cantidade que quere incrementar as multas”.
O popular remarcou que “a medida de comprar e instalar novos radares e multamóbiles só responde a un afán recadatorio sen que, previamente, se tomen medidas para moderar a velocidade nestas vías de acceso á cidade”.
“Esta iniciativa choca claramente co anuncio que fixo, hai uns días, o goberno de BNG e CA, no que “presumía” de que estábamos ante un dos mellores anos en materia de seguridade vial, con menos accidentes, menos atropelos e que non había puntos negros, e, aos 10 días destas palabras, o goberno nacionalista sorprendeu aos santiagueses dicindo que vai a poñer máis radares”, subliñou.
Verea remarcou que “Goretti Sanmartín busca recadar tres millóns máis por multas para sablear aos composteláns, porque alguén ten que pagar a festa e financiar este despilfarro de multiplicar por dous o numero de asesores e directivos, con soldos de 75.000 euros e isto hai que pagalo”.
O tamén parlamentario insistiu en que se “este fose o goberno da xente, como eles mesmos se denominan, buscaría os cartos noutras partidas, como na redución de asesores e altos cargos, pero o que, finalmente, deciden é incrementar as multas, meter máis radares e subir os impostos”.
Finalmente, o popular engadiu que “esta medida só é para quitarlle os cartos do peto dos santiagueses “é que se xa non hai puntos negros, nin máis atropelos, nin máis accidentes; por que queren poñer máis radares?, está claro, para seguir financiando a axencia de colocación do BNG, de Goretti Sanmartín e de Ana Pontón; teñen que explicar como ás 48 horas de perder o BNG o goberno de Ribeira, un concelleiro do BNG xa estaba contratado a dedo en Santiago, é o mellor exemplo que o concello está a dispor de Ana Pontón e a da UPG e non dos santiagueses”.