A concelleira do PP de Santiago, Olaya Otero, cualificou hoxe de “farsante” a actitude da alcaldesa, Goretti Sanmartín, tras facer pública sen autorización nin consenso a iniciativa da Xunta de Galicia para que Santiago sexa Capital da Ciencia, incumprindo o acordo de confidencialidade existente entre as administracións implicadas.

“O comportamento da alcaldesa encaixa perfectamente coa definición de farsante da Real Academia Española: quen finxe o que non é”, sinalou Otero, que denunciou que Sanmartín “pretendeu facerse pasar por impulsora dun proxecto que non lle pertence”.

A concelleira popular subliñou que “non é propio dunha alcaldesa actuar desta maneira”, xa que a súa obriga era “amosar apoio institucional a un proxecto autonómico estratéxico, con discreción e lealdade, como fixeron outras entidades”, e non “convocar unha rolda de prensa para anuncialo ela mesma, sen avisar ao verdadeiro impulsor desta iniciativa”.

“Con esta actuación, Goretti Sanmartín non só rompeu un acordo de confidencialidade, senón que enganou deliberadamente á cidadanía e aos medios de comunicación, facendo pasar como propio un traballo liderado pola Xunta de Galicia”, afirmou Otero.

Desde o PP de Santiago advirten de que este tipo de comportamentos “poñen en risco proxectos estratéxicos para a cidade” e baséanse nunha falta absoluta de lealdade institucional. “A cooperación entre administracións constrúese desde a confianza e o respecto, non desde o protagonismo político nin o titular fácil”, remarcou a concelleira.

Olaya Otero advertiu ademais de que “se Santiago perde esta oportunidade histórica, será única e exclusivamente responsabilidade de Goretti Sanmartín”, pola súa “irresponsabilidade e incapacidade para estar á altura dun proxecto de cidade”.

A concelleira popular concluíu lamentando que a alcaldesa “antepoña o seu interese persoal e partidista ao interese xeral de Santiago” e reclamou “máis seriedade, máis humildade institucional e máis respecto polo traballo alleo”.