O concelleiro do Partido Popular de Santiago, José Antonio Constenla, sinalou que a reunión da comisión do ciclo da auga celebrada hoxe no Concello de Santiago deixou en evidencia, unha vez máis, a absoluta falta de cohesión e de proxecto do chamado tripartito municipal. O BNG defendeu unha fórmula mixta para a xestión do servizo, pero os seus propios socios de investidura, o PSOE votou en contra deste modelo de contrato.

Para Constenla, “o ocorrido confirma que o suposto pacto de perdedores nunca foi real e que Santiago carece dun goberno sólido e capaz de tomar decisións nos asuntos estratéxicos. Para o Partido Popular, a comisión do ciclo da auga é unha nova proba de que o tripartito foi un fraude desde o primeiro día”.

“O pacto do BNG, PSOE e CA foi un fraude. Nunca existiu un pacto de goberno nin un proxecto común para Santiago. O que houbo foi un pacto contra Borja Verea que cada día queda máis claro que, en realidade, é un pacto contra Santiago”, afirmou o edil popular.

Segundo denunciou, a situación actual é especialmente grave tendo en conta que a alcaldesa conta unicamente con seis concelleiros e, aínda así, non é quen de dialogar nin cos seus propios socios. “Temos unha alcaldesa en minoría que non fala nin se entende cos que a sosteñen. Non son capaces de poñerse de acordo nin nos temas máis importantes, como a xestión do ciclo integral da auga, e iso tradúcese en parálise e caos”, subliñou.

José Antonio Constenla advertiu de que esta falta de entendemento interno está a bloquear decisións clave para o futuro da cidade e ten consecuencias directas para os veciños. “Santiago está hoxe sen goberno, cun tripartito roto, sen rumbo e máis preocupado por sobrevivir que por resolver os problemas reais da cidade”, salientou.

Desde o Partido Popular consideran que o sucedido na comisión do ciclo da auga confirma o fracaso dun modelo de goberno baseado na improvisación, na confrontación interna e na ausencia total de diálogo, que está a prexudicar gravemente a Santiago.

Para o edil popular, esa desesperación por sobrevivir de Goretti Sanmartín e o goberno de BNG e CA xa se traduce nun balance demoledor para a cidade. Santiago perdeu arredor de 800 empresas, desapareceron máis de 100 comercios, e nos últimos seis meses os datos de visitantes e de ocupación hoteleira amosan unha clara tendencia negativa. Os centros socioculturais seguen pechados, a cidade está máis escura e máis sucia que nunca, e a alcaldesa converteuse na máis morosa da historia do Concello.

A todo isto súmanse os problemas cos taxis, o transporte urbano, o estado lamentable das rúas, con baches que dan medo, e unha sensación xeralizada de abandono. “Estamos ante un desastre sen matices, cunha cidade destrozada pola incapacidade dun goberno roto e desesperado por manterse no poder”, denunciou Constenla.

A este fraude hai engadir o rídiculo que fixo a alcaldesa o venres co anuncio da candidatura de Santiago como Capital Europa da Ciencia, onde quedou retratada como o que é realmente, unha farsante, querendo aproveitarse do traballo doutros, convocando unha rolda de prensa para enganar á cidadanía e aos medios de comunicación. Así, advertiu o edil popular, Sanmartín será a única responsable se Santiago perde esta oportunidade histórica.