O Partido Popular de Santiago denuncia a vandalización da súa sede local, que amenceu hoxe empapelada con propaganda de radicais independentistas, nun acto que considera intolerable e contrario ás normas básicas de convivencia democrática.

Desde o PP de Santiago lembran que non se trata dun feito illado, xa que polo 25 de novembro a sede popular xa sufrira unha vandalización e un escrache, no transcurso do cal varias compañeiras da formación foron obxecto de agresións verbais. “Estamos a falar dunha escalada preocupante de sinalamentos e ataques que non poden normalizarse e ante os que a señora Goretti Sanmartín demostrou ser unha cobarde por non defender ás súas compañeiras, deixando ver que o que realmente é é unha feminista de pancarta, que tipo de feminismo é ese? Ese é o tipo de feminismo que ela defende?”, salientaron.

A formación popular sinalou que “a discrepancia política debe expresarse sempre desde o respecto e a palabra, nunca desde o vandalismo, o acoso nin a intimidación”, e engadiu que “os ataques reiterados ás nosas instalacións e ás persoas que forman parte do partido supoñen unha grave ameaza á convivencia democrática”.

Desde a formación popular lamentan que determinados grupos recorran a este tipo de prácticas, que ademais de causar danos materiais, buscan xerar un clima de tensión e confrontación na cidade.

O PP de Santiago esixe que se poña fin a estes comportamentos incívicos e reclama responsabilidades, ao tempo que reitera o seu compromiso cunha política baseada no diálogo, a liberdade de expresión e o respecto ás regras democráticas.

Finalmente, a formación popular fai un chamamento á convivencia e ao respecto mutuo, lembrando que nin a violencia simbólica nin o acoso teñen cabida nunha sociedade democrática.