O concelleiro do Partido Popular en Santiago, José Ramón de la Fuente, exixe á alcaldesa que dea explicacións, que asuma persoalmente a xestión desta crise, que garanta os postos de traballo e os dereitos dos traballadores afectados, e que tome decisións de contido político.
O Partido Popular acusou hoxe ao BNG e CA de deixar de lado aos traballadores dos Centros Socioculturais. Xa desde o inicio do actual mandato, os populares puxeron de manifesto a grave situación pola que estaban atravesando, ante o que cualifican como a pasividade indolente do goberno de Goretti Sanmartín.
Desde o PP sinalaron que advertiron esta situación en varias ocasións, e denunciaron a pasividade neglixente do concelleiro responsable e da propia alcaldesa, que —segundo afirmaron— se negou a responder pola xestión. “Negouse, porque sabía o que había, sabía que non se podía dar a cara por unha xestión neglixente que os traballadores levan meses sufrindo e agora pagando a costa das súas propias nóminas”, sinalou De la Fuente.
O edil popular considera que o cálculo político estivo por riba da necesidade de dar tranquilidade e esperanza a uns traballadores que levan máis de dous anos sufrindo nas súas condicións laborais e nos seus propios petos unha situación da que non son responsables e da que —subliñan— son as primeiras vítimas.
Neste sentido, denunciaron que o o goberno de BNG e CA estivo meses pagando con regularidade as facturas á empresa Serviplustotal sabendo que esta non estaba abonando as nóminas aos traballadores.
O concelleiro popular tamén reclamou coñecer a que acordo chegou o goberno local coa empresa Serviplustotal cando no outono de 2024 solicitou a rescisión do contrato e posteriormente retirou esa solicitude. “A que acordo chegaron coa empresa? Obtivo algunha compensación por desistir da súa pretensión?”, preguntou, ao tempo que insistiu en que, na actual situación, é obrigado que a alcaldesa dea explicacións convincentes porque, ao seu xuízo, “xa abonda de enganos e mentiras”.
De la Fuente lembrou que nin a dramática situación dos traballadores, que non só non cobraban senón que moitos deles puxeron do seu propio peto o material necesario para o desenvolvemento das actividades, nin a suspensión práctica de moitas actividades nos Centros Socioculturais, foron motivos suficientes para que o goberno nacinalista se puxera do lado dos traballadores, nin sequera cando chegaron ao Nadal con catro nóminas impagadas.
Os populares tamén cuestionaron a explicación ofrecida sobre a renuncia da nova empresa adxudicataria. Segundo sinalan, non resulta crible que a empresa á que se lle adxudicou o contrato hai unha semana renuncie polas débedas da anterior concesionaria cos traballadores e por unha demanda laboral de aplicación dun convenio, xa que —afirman— esa información era coñecida desde hai tempo, desde a licitación e desde que rematou o prazo de presentación de ofertas.
O edil popular salientou que os traballadores merecen saber que hai realmente detrás do que está pasando, por que o goberno local tardou case dous anos en licitar os contratos, por que non penalizou a Serviplustotal pola prestación do servizo que cualifican de lamentable, e por que tardou dous meses en proceder á retención do importe do servizo para garantir as nóminas dos traballadores. Tamén preguntan que está detrás deste novo episodio que consideran unha mostra máis de mala xestión por parte do goberno local.
Ademais, lembrou que hai un ano o goberno de BNG e CA executaron por decreto cambios no Departamento de Centros Socioculturais co obxectivo, supostamente, de mellorar a xestión. Porén, desde o PP aseguran que a situación empeorou desde entón e cuestionan que esas modificacións lograran o obxectivo pretendido.
Por todo isto, José Ramón de la Fuente reiterou a esixencia de que a alcaldesa dea explicacións, que asuma persoalmente a xestión desta enésima crise, que garanta aos traballadores afectados os seus postos de traballo e os seus dereitos, e que tome decisións de contido político. “O seu goberno fai augas por todas partes mentres ela segue tocando a mandolina”, afirmou.
Finalmente, o concelleiro popular lembrou que o seu grupo xa reclamara anteriormente responsabilidades sen obter resposta, e asegurou que, na actual situación, coa “enésima crise dos CSC, só cabe a asunción de responsabilidades mediante dimisións”.