O concelleiro do Partido Popular de Santiago, José Ramón de la Fuente, denunciou hoxe “a evidente inacción do goberno de BNG e CA, ante o alarmante estado de abandono das ribeiras e regatos do municipio, o que está a provocar que moreas de lixo e maleza poidan atascar vías fluviais, o que, en calquera momento, pode provocar asolagamentos en vivendas e propiedades da veciñanza, poñendo en perigo centos de casas”.
“É evidente que o goberno nacionalista está de costas á cidadanía -dixo o popular-, porque, xa hai uns días, tiñamos que ver nas redes sociais á veciñanza de Suarribas tentando cortar e apartar árbores caídas na contorna dos seus domicilios que, en calquera momento, podían provocar un taponamento da ponte da Gradicela e, como xa ocorreu nos últimos anos, inundacións nas súas vivendas”.
De la Fuente insistiu en que, “a pesar de terllo pedido, pública e oficialmente, ao goberno de BNG e CA, con tempo máis que suficiente, e de que, en febreiro do pasado ano, se aprobase no Pleno unha proposición nosa para que se elaborarse un plan de revisión e mantemento das ribeiras dos ríos, co fin de garantir unha limpeza exhaustiva das mesmas, o certo é que os nacionalistas, como sempre, nada fixeron”.
“Pasado un ano, o goberno de BNG e CA non fixo unha intervención importante, porque só hai que achegarse ata as ribeiras do Sar ou do Sarela son evidentes a multitude de árbores e arbustos inertes que se atopan ao carón das mesmas e que poden en calquera momento desprenderse”, remarcou.
“A idea -subliñou o edil popular-, era facer un plan de actuación que localizara os puntos máis problemáticos nos que se teñen producido asolagamentos de forma recorrente e que se aproveitara o verán para facer as labores de limpeza, roza e mantemento e, así, garantir que, antes do mes de setembro, todas as beiras dos ríos foran revisadas e obxecto dunha intervención adecuada”.
De la Fuente lamentou que o goberno nacionalista, como noutras ocasións, non fixera nada, “xa non se poden agochar detrás da falta de tempo ou de acontecementos meteorolóxicos imprevisibles -destacou-, porque contaron con meses de sobra e están avisados por veciños e oposición, polo que son coñecedores desta problemática, a pesar do cal non tiveron a ben poñerse a traballar e limpar os ríos e as redes de sumidoiros da cidade”.
O popular matizou que “está por pensar que xa non se trata de indolencia, xa que este asunto está no debate municipal recorrentemente todos os invernos e, a pesar das reiteradas peticións de limpeza preventiva, o goberno de BNG e CA segue mirando cara outro lado”.
“Esta neglixencia é intolerable, non falamos de simples danos: falamos de seguridade, de vivendas e de familias que non dormen cando oen chover, a alcaldesa e os concelleiros do BNG parecen máis preocupados pola fauna e flora silvestre que polos seus propios veciños” aclarou.
Finalmente, De la Fuente agregou que “esiximos unha acción inmediata, a limpeza urxente das ribeiras dos ríos, a retirada de árbores e arbustos caídos, a revisión dos puntos críticos, a limpeza de canalizacións, sumidoiros e aliviadoiros e un compromiso público co seu mantemento regular”.