A concelleira do Partido Popular de Santiago, Nerea Barcia, denunciou o “lamentable estado no que o goberno de BNG e CA ten a parroquia de Marrozos”. “Cando xa teñen pasado case tres anos dende que os nacionalistas ‘están dirixindo a cidade’, -explicou a popular- esta zona de Santiago segue en condicións de total abandono”.
A edil popular, que mantivo unha reunión coa veciñanza, destacou que “a inacción é tan evidente que o goberno de BNG e CA non foi quen nin de arranxar o parque, que segue sendo perigoso”. Barcia subliñou que “isto é vergonzoso, levamos tempo denunciándoo, porque os nenos non poden facer uso destas instalacións, preguntámonos a que están agardando?”.
“Tamén queremos lembrarlle ao goberno nacionalista -dixo- que os veciños e veciñas reclaman o arranxo da entrada da igrexa, que se atopa nunha situación moi perigosa, sobre todo, para a xente que accede andando ou baixa dos vehículos, porque existe un claro risco de caídas, mentres que para o BNG e CA está en condicións axeitadas, pero os usuarios non din o mesmo”.
Como destaca Nerea Barcia, a actitude do goberno nacionalista coa veciñanza de Marrozos é “soberbia, posto que non se molestan nin en respostar ás súas demandas, que levan reivindicando dende novembro de 2023 e que xa presentaron pola Liña Verde; ademais de pedir reunións e de chamar directamente ao Concello, pero o resultado sempre é o mesmo, non hai con quen falar”.
Así mesmo, os veciños seguen pedindo que se proceda á poda das árbores e limpeza da estrada, xa que hai numerosas queixas, incluso da propia empresa de transporte escolar, quen xa advertiu que o autobús ten problemas para circular por esa estrada, posto que as ramas das árbores rozan cos cables da luz e reducen a visibilidade, co que, non só dificultan o paso do transporte escolar, senón que tamén supoñen un risco para a seguridade viaria.
“Dende o Partido Popular, seguimos denunciando esta situación esperpéntica nunha zona da capital de Galicia, polo que lle reclamamos ao goberno de BNG e CA que solucione os problemas que soporta esta parroquia e adopte, de forma urxente, as actuacións precisas que garantan a seguridade e a calidade de vida das persoas que alí viven ou teñen que pasar por ela”.