O concelleiro do Partido Popular de Santiago, José Ramón de la Fuente, esixiu hoxe á alcaldesa que asuma de maneira clara e directa a responsabilidade polo que está acontecendo na rede de Centros Socioculturais e que manifeste publicamente se se fai responsable da xestión deste departamento ou se ten previsto adoptar decisións inmediatas.
Segundo explicou De la Fuente, “a esperpéntica situación que está padecendo a rede de Centros Socioculturais é consecuencia directa da grave deixadez da alcaldesa, que permitiu que o problema se enquistase ata desembocar nun auténtico peche patronal encuberto nos Centros Socioculturais”.
O edil popular lembrou que a alcaldesa é a máxima responsable do goberno municipal e que os seus concelleiros actúan por delegación. “A incapacidade do goberno local, e polo tanto da propia alcaldesa, para xestionar este contrato levou o servizo a unha situación de absoluta parálise”, afirmou.
Na actualidade, Santiago vive unha situación sen precedentes: aulas de xogo pechadas, actividades programadas que non chegaron a iniciarse, programas de conciliación claramente insuficientes e, o máis grave, traballadores que levan cinco nóminas sen cobrar. “O resultado final é o peche efectivo do servizo, un peche patronal que deixa aos traballadores no paro e aos usuarios sen prestacións básicas”, denunciou.
De la Fuente recordou que en setembro de 2023 o Partido Popular xa advertiu de que os contratos que remataban en xuño de 2024 non estaban funcionando correctamente e que era necesario licitar uns novos. “Lonxe de asumir esa responsabilidade, decidiron prorrogalos por un ano, ata xuño de 2025; posteriormente ata outubro; e finalmente mediante unha orde de continuidade do servizo. Decisións que parecen ter tido como único obxectivo aprazar a toma de decisións”.
O concelleiro popular denunciou que se prorrogaron “todo o que puideron uns contratos que non deberon prorrogar, e cesan agora unha orde de continuidade do servizo que nunca deberon dar”. Ao seu xuízo, o que está ocorrendo é a mellor proba de que aquelas prórrogas e a última prolongación foron temerarias e inxustas, especialmente para os traballadores que desde outubro están traballando sen cobrar e que a día de hoxe teñen cinco nóminas pendentes, mentres o BNG e CA non fixeron máis que envialos ao paro.
“A situación actual é practicamente a mesma que daquela. Se agora hai razóns para suspender a orde de continuidade do servizo, tamén as había entón. Se esa era a solución para preservar os dereitos dos traballadores e non se tomou, foi por pura covardía política”, afirmou.
As consecuencias son, segundo indicou, “claras e devastadoras”: traballadores no paro, sen garantías sobre a súa seguridade laboral e cun futuro cheo de incertezas; e usuarios privados de actividades socioculturais esenciais para a cohesión social, a educación, o envellecemento activo e a integración comunitaria.
Desde o Partido Popular lembran que advertiron reiteradamente do risco desta situación e demandaron en varias ocasións a licitación dos contratos vencellados á rede de Centros, conscientes de que cada día que pasaba agravaba o problema e achegaba máis o abandono dos traballadores.
“O goberno municipal volveu demostrar a súa incapacidade para xestionar os servizos públicos, permitindo que un contrato estratéxico se deteriorase ata volverse insostible e derivando nun peche patronal que nunca debería terse producido”, sinalou De la Fuente, quen lamentou que o executivo local optase por mirar para outro lado “coma se os dereitos laborais e os servizos públicos fosen unha cuestión menor”.
Para rematar, o concelleiro popular cualificou a suspensión das actividades dos Centros Socioculturais como “un fracaso político do que a alcaldesa ten que dar explicacións e asumir responsabilidades”. “De momento, o único que temos son as escusas do concelleiro e o silencio cómplice e covarde da alcaldesa”, concluíu.