A concelleira do Partido Popular de Santiago, Olaya Otero, denunciou hoxe a colocación de carteis do BNG en varias sinais de tráfico nas entradas da cidade, unha actuación que cualificou de “ilegal e impropia de quen ten a responsabilidade de gobernar”.

“Non se pode utilizar unha sinal oficial de tráfico como soporte de propaganda partidista. As normas están para cumprilas, tamén para quen está no Goberno”, afirmou Otero.

Desde o Partido Popular lembran que a Lei sobre Tráfico, Circulación de Vehículos a Motor e Seguridade Viaria prohibe expresamente a colocación de publicidade ou calquera elemento que poida afectar á visibilidade ou identificación das sinais viarias, podendo conlevar sanción administrativa e a obriga de reposición ao estado orixinal. Ademais, as ordenanzas municipais tamén contemplan sancións pola instalación de publicidade sen autorización e pola ocupación indebida do espazo público. Sancións que poderían chegar ata os 10.000 euros.

Para Olaya Otero, “o máis grave non é só o feito en si, senón o que simboliza: un Goberno do BNG e CA máis preocupado pola propaganda e pola ideoloxía que por resolver os problemas reais dos composteláns”.

O Partido Popular leva meses advertindo do deterioro da cidade, “O BNG e CA teñen a cidade paralizada: barrios abandonados, falta de mantemento, proxectos bloqueados e unha sensación xeral de desorde. Mentres Santiago sofre as consecuencias dun desgoberno evidente, eles están centrados en colocar propaganda partidista en sinais de tráfico”, afirmou.
A edil popular esixiu ao Goberno de Goretti Sanmartín que actúe con responsabilidade e tramite as correspondentes sancións ao BNG de Santiago, “sen privilexios nin dobre vara de medir”.

“Santiago merece un goberno serio, que cumpra a lei e que estea centrado na xestión. Máis xestión e menos ideoloxía e sectarismo. Máis traballo polos barrios e menos propaganda”, concluíu Otero Sanjurjo.