O presidente do Partido Popular de Santiago, Borja Verea, acompañado das concelleiras Yolanda Otero e Nerea Barcia, mantivo unha reunión con representantes do Colexio Oficial de Traballo Social de Galicia (COTSG), a presidenta e a secretaria do COTSG, Miriam Rodríguez e Mª Rosario Capelo e o coordinador do colexio, David Gontán; co fin de coñecer, polo miúdo, o traballo das persoas que desenvolven a súa labor no ámbito dos servizos sociais municipais e cales son as súas principais necesidades e desafíos destes servizos.
O popular subliñou que “este servizo necesita de todos os apoios que sexan posibles para que realicen o seu traballo coa maior eficiencia posible, posto que hai que lembrar que traballan con persoas que están en situación de vulnerabilidade”.
Para Borja Verea, “neste eido é imprescindible levar a cabo o traballo cunha boa planificación, coordinación transversal e fomento da participación social, ademais de contar coa intervención social como piar fundamental en tres campos: a infancia, a xuventude e a dependencia”.
O líder popular destacou “a importancia de traballar na prevención durante a infancia e a xuventude e na prestación de servizos de proximidade no ámbito da dependencia, destacando servizos como o Servizo de Axuda no Fogar (SAF) e Xantar na casa”.
Durante a reunión fíxose especial fincapé no SAF, nun servizo municipal de proximidade de especial relevancia, que verá incrementada a súa financiación tras o recente acordo asinado entre a FEGAMP e a Xunta de Galicia, a pesar das críticas do goberno de BNG e CA.
No transcurso desta xuntanza, os populares puideron coñecer a significativa labor que se está a desenvolver, dende este organismo, no eido dos servizos sociais municipais nos casos de senfogarismo.