A concelleira do Partido Popular de Santiago, Nerea Barcia, criticou hoxe a reacción do BNG ante o expediente aberto polos vertidos ao río Sar e esixiulle ao goberno municipal que deixe de buscar escusas e asuma as súas responsabilidades.

Barcia sinalou que “resulta cando menos paradoxal que quen fai do ecoloxismo a súa principal bandeira teña agora que dar explicacións por un episodio de contaminación”. Durante anos, lembrou, o BNG presentouse como garante da defensa ambiental e como xuíz permanente da actuación doutras administracións. “Pero cando a responsabilidade recae sobre eles, a resposta é falar de persecución política en lugar de dar explicacións claras á cidadanía”, afirmou.

A edil popular lembrou que estamos a falar duns vertidos que foron autorizados polo propio Concello de Santiago e que posteriormente foron levados á Fiscalía por outras administracións, entre elas o Concello de Ames, cuxo alcalde non pertence ao Partido Popular. “Intentar converter este asunto nunha suposta cruzada do PP é unha estratexia de distracción que non se sostén”, indicou.

Nerea Barcia foi máis alá e preguntou directamente á alcaldesa se, tras a apertura de dilixencias por parte do Fiscalía de Medio Ambiente, Goretti Sanmartín segue mantendo que existe unha intencionalidade política detrás deste procedemento. “Se mesmo coa intervención da Fiscalía e coa apertura de dilixencias xudiciais continúan falando de manobras partidistas, están a cuestionar o funcionamento das institucións”, advertiu.

Desde o Partido Popular esixen explicacións urxentes ao goberno municipal pola apertura destas dilixencias e polos feitos que as motivaron. “O que non pode facer o BNG é seguir botando balóns fóra e eludindo responsabilidades. Gobernar implica asumir as consecuencias das decisións propias, tamén cando non son favorables”, afirmou.

“A protección do medio ambiente é demasiado importante como para utilizala como arma política cando interesa e relativizala cando a xestión propia queda en evidencia”, concluíu Barcia, quen insistiu en que Santiago merece transparencia, responsabilidade e un goberno que dea a cara cando se producen situacións graves como esta.

Barcia reclamou responsabilidade, transparencia e autocrítica por parte do goberno municipal. “A protección do medio ambiente é demasiado importante como para utilizala como arma política cando interesa e relativizala cando a xestión propia queda en evidencia”, concluíu a popular, quen insistiu en que Santiago merece un goberno que asuma os seus erros e que deixe de agocharse detrás de escusas e teorías conspiratorias.