O edil do Partido Popular de Santiago, José Ramón de la Fuente, comprobou “in situ” as obras de pavimentación do lugar de Vilamaior, na parroquia de Sabugueira, executados dentro do Plan provincial de cooperación ás obras e servizos de competencia municipal e puido ver, coas veciñas e veciños, as numerosas deficiencias que denunciaron e que só en parte foron subsanadas pola empresa contratista.
“As deficiencias -agregou- son facilmente comprobables a simple vista, un día de choiva a pendente leva, claramente, as augas pluviais á entrada das vivendas e propiedades dos veciños, problema que antes non tiñan e que, nalgún caso, tiveron que solucionar polos seus propios medios”.









De la Fuente indicou que “os fallos están provocando que moitas fincas se asolaguen facilmente por pouco que chova, hai sitios polos que non se pode transitar polas pozas xeradas pola deficiente planificación e execución das obras”.
Ademais en varias fincas non deixaron debidamente habilitado o acceso que si tiñan antes garantido, nalgunhas parcelas si se deixaron accesos adecuados, pero noutros deixaron simplemente terra, en poucas semanas esas entradas xa se converteron nunha lameira intransitable.
O popular indicou que, a pesar de avisar, ao goberno de BNG e CA e aos representantes da empresa en varias ocasións destes problemas, os nacionalistas fan oídos xordos e se negan a afrontar unha solución”.
Para o concelleiro popular, compre que “o goberno nacionalista resolva esta situación, porque non é de recibo que, logo de facer unha intervención que tiña por obxecto mellorar os accesos ao núcleo de Vilamaior, moitos teñan agora peor mobilidade que antes”.
“O PP lamenta a escasa ambición do proxecto de obras, que se limitaron só a recuperar o acabado do firme actual, sen modificar dimensións, nin rasantes, quedando algún vial de moito tránsito cun ancho que, a pesar de ser de dobre sentido, non permite a circulación de dous automóbiles a un tempo, unha magoa que non se aproveitara para anchear a estrada, xa que haberá que facer esas obras antes ou despois”, lamentou o edil popular.
Ante esta situación, De la Fuente insistiulle ao goberno nacionalista que “atenda as peticións dos veciños e ordene arranxar as deficiencias denunciadas”.