O concelleiro do Partido Popular de Santiago, José Ramón de la Fuente, denunciou hoxe a “gravísima decisión” adoptada polo goberno municipal ao aceptar na licitación do lote III dos Centros Socioculturais unha oferta que o propio informe técnico cualifica de maneira contundente e negativa.
“Hai un par de días coñecemos a aceptación a participar no proceso dunha oferta que o informe técnico define como claramente insuficiente, que non cumpre os requirimentos mínimos dos pregos, que presenta carencias relevantes, que exclúe á maioría dos CSC e que non satisfai minimamente as necesidades do servizo”, sinalou.
De la Fuente lembrou que o concelleiro de Centros Socioculturais foi o presidente da Mesa de Contratación que estudou e analizou as ofertas das empresas concorrentes, polo que “coñeceu perfectamente o contido do informe técnico sobre a oferta de Os Ventos e a avaliación realizada polos técnicos municipais”.
Segundo detallou, o propio informe recolle que a oferta “non cumpre os requirimentos mínimos establecidos nos pregos, ten carencias relevantes, exclúe á maioría dos Centros Socioculturais —especialmente aos do rural— deixando sen cobertura unha parte esencial do servizo, xa que só contempla sete centros; carece do nivel necesario para garantir a viabilidade das aulas de novas tecnoloxías; é claramente insuficiente e non satisfai as necesidades dos CSC”.
Para o concelleiro popular, estes feitos son “extraordinariamente graves” e obrigan ao goberno local a dar explicacións públicas inmediatas. “Se os técnicos municipais conclúen que unha oferta non cumpre os mínimos esixidos e que é insuficiente para garantir o servizo, por que non foi excluída do proceso? Quen tomou esa decisión e con que criterio?”, preguntou.
De la Fuente foi contundente: “cremos que este contrato, se finalmente se lle adxudica a esta empresa, nace morto ou, cando menos, gravemente ferido”. Ao seu xuízo, permitir que continúe na licitación unha proposta nestas condicións “pon en risco a cobertura, a calidade e a igualdade no acceso a un servizo fundamental para os barrios e o rural de Santiago”.
“O que está en xogo non é unha cuestión menor nin un trámite administrativo. Estamos a falar da xestión dunha parte esencial da vida social e comunitaria da cidade. O goberno de Goretti Sanmartín non pode mirar para outro lado cando o propio informe técnico cuestiona con tanta claridade a viabilidade da oferta”, concluíu José Ramón de la Fuente, esixindo transparencia e responsabilidade política inmediata.
José Ramón de la Fuente enmarcou esta situación nun contexto de mala planificación do goberno local desde o inicio do mandato, con atrasos inxustificados na licitación, prórrogas excesivas de contratos “que facían auga por todas partes” e unha empresa concesionaria que chegou a solicitar compensacións e mesmo a rescisión do contrato, ás que o Concello respondeu negativamente. O edil popular lembrou tamén que durante meses “o Concello pagaba, pero os traballadores non cobraban”, acumulándose atrasos nas nóminas, suspensións de actividades e unha deterioración progresiva do servizo.
“A día de hoxe, os traballadores dos CSC están nunha situación que nunca antes se vivira, ata o punto de ter que ir ao paro. Nunca antes ocorrera isto”, advertiu. Segundo explicou, varios días despois de anunciarse a suspensión da continuidade do servizo a Serviplus, hai traballadores que nin están cobrando nin teñen a documentación necesaria para poder solicitar o paro.
Para José Ramón de la Fuente, as consecuencias son claras: “Impagos de nóminas, paro, baixas laborais, desmotivación e incerteza sobre o futuro. Esta é a realidade que deixa unha xestión inoperante, ineficaz, indolente, incapaz, insolvente e neglixente”. “O goberno de Goretti Sanmartín non pode seguir agochándose. Ten que dar explicacións inmediatas sobre a decisión de manter no proceso unha oferta que os propios técnicos cualifican de insuficiente e que exclúe á maior parte dos centros socioculturais da cidade”, concluíu.