O líder do Partido Popular de Santiago, Borja Verea, quixo recoñecer publicamente o labor “imprescindible e xeneroso” das comisións de festas das parroquias compostelás, destacando o seu papel como auténtico motor da convivencia e da dinamización social no rural.
Verea, acompañado da concelleira Nerea Barcia, participou onte no campionato de Tute organizado pola comisión de festas da parroquia de Aríns, unha iniciativa que se celebra cada quince días no Centro Sociocultural e que nesta ocasión reuniu arredor de 60 persoas. “É un exemplo perfecto do que significan as comisións de festas: compromiso, traballo en equipo e moita ilusión para manter viva a actividade nas parroquias”, sinalou.
O líder popular destacou que detrás deste tipo de eventos hai “moitas horas de dedicación silenciosa” por parte das nove persoas que integran a comisión de festas de Aríns, que non só organizan os campionatos, senón que tamén preparan premios, sorteos e mesmo a cantina, convertendo cada xornada nun punto de encontro para veciños de todas as idades.
“Falamos moitas veces de participación e de tecido social, pero aquí é onde se ve de verdade: persoas que, de maneira totalmente altruísta, dedican o seu tempo a crear comunidade”, afirmou.
Borja Verea subliñou que actividades como este campionato de cartas contribúen a combater a soidade, fortalecer os vínculos entre xeracións e dinamizar os centros socioculturais das parroquias. “Santiago non é só o centro urbano; Santiago son tamén as súas parroquias, e sen o traballo das comisións de festas sería imposible manter esta vida social tan activa”, engadiu.Finalmente, o líder popular reiterou o compromiso do Partido Popular de apoiar e facilitar o labor destas entidades veciñais, recoñecendo que “coidar das parroquias é coidar de Santiago”.