O líder do Partido Popular de Santiago, Borja Verea, compareceu esta mañá en rolda de prensa para abordar a proposta de eliminar o nome de Apóstolo Santiago dun colexio compostelán, ademais de responder a outras cuestións de actualidade.
Verea comezou agradecendo a presenza dos medios e deixou clara a posición do Partido Popular: “Toda iniciativa cidadá merece o noso respecto, pero hai decisións que corresponden a todos, e sobre todo decisións que teñen unha profunda carga simbólica, sentimental e tamén política, como é suprimir o nome de Apóstolo Santiago do primeiro grupo escolar da nosa cidade, que data do ano 1954”.
O líder popular preguntouse se existe algún problema real que xustifique este cambio e advertiu de que estamos ante unha decisión que afecta ao patrimonio común dos composteláns. “Un colexio pertence a toda a cidade, non a unha asociación nun momento concreto. O nome dun centro escolar non é unha marca comercial que se cambia segundo as modas ou as tendencias. Estamos falando da nosa historia compartida”, subliñou.
Para Verea, este debate non vai “nin de modas nin de tendencias puntuais”, senón do respecto á identidade colectiva. “Que opinan as xeracións e xeracións de exalumnos desta escola? Que opinan o conxunto dos santiagueses?”, preguntou, incidindo en que decisións deste calibre deben contar cun consenso amplo da cidade.
O presidente do PP compostelán advertiu ademais do que cualificou como “un perigoso proceso de eliminación de todo o que significa Santiago de Compostela”. Segundo sinalou, “temos unha alcaldesa anti Santiago, á que non lle gusta a Catedral, nin o Apóstolo, nin a Ruta Xacobea, esa ruta milenaria que construíu Europa e que nos fixo universais”.
Verea asegurou que o actual goberno local “detesta todo o que nos fai únicos e universais” e fixo un chamamento a “frear xuntos este ataque constante do BNG e de Goretti Sanmartín ao compostelanismo”, denunciando que o Concello se está a converter “nun tentáculo ou nun equipo filial do BNG de Ana Pontón, gobernando só para os seus aplaudidores”.
Na súa intervención, tamén criticou as prioridades do executivo municipal, que ao seu xuízo están centradas “nas bandeiriñas, nas manifestacións dos domingos e en colocar aos seus amigos nun exército de asesores e altos cargos”, mentres a cidade sofre un evidente deterioro.
“Temos a cidade máis sucia que nunca, centros socioculturais pechados, a vivenda cada día máis cara, a alcaldesa máis morosa de Galicia, os peores autobuses, máis impostos e máis multas, e nunca tantos baches tan grandes en tantos sitios á vez”, enumerou.
Finalmente, Borja Verea reiterou que o Partido Popular defenderá a identidade e o patrimonio simbólico de Santiago: “Non imos quedar calados mentres intentan borrar o que somos. Santiago merece un goberno orgulloso da súa historia, da súa tradición e do seu nome”.