O Partido Popular de Santiago denuncia a “insólita estratexia de fuxida cara adiante” do goberno municipal tras o sucedido no pleno de hoxe arredor do contrato da auga.

A proposta non saíu adiante ao non contar co apoio suficiente, tras os votos favorables do PSOE e das concelleiras non adscritas, o voto en contra do goberno de BNG e CA e a abstención do Partido Popular. Sen embargo, lonxe de asumir a súa responsabilidade política, o executivo local pretende agora trasladar á oposición un suposto bloqueo que en realidade nace do seu propio posicionamento.

“O verdadeiramente sorprendente é que quen vota en contra do contrato que promove é o propio goberno, e aínda así pretende responsabilizar ao resto”, sinalan os populares.

Desde o PP lembran que era obriga do executivo municipal construír os consensos necesarios para sacar adiante o modelo que defenden, neste caso un sistema de xestión mixta en lugar do réxime de concesión. “Se o goberno non cre no modelo de concesión, non pode pretender que sexa o Partido Popular quen lle facilite aprobar un contrato que nin sequera conta co seu respaldo político”, explican.

“O que non imos facer é soste-lo voto dun goberno que quere impulsar un contrato en concesión mentres vota en contra del. A incoherencia non pode recaer na oposición”, engaden.

Os populares consideran que o sucedido evidencia a falta de rumbo do executivo local nun asunto estratéxico para a cidade, e lamentan tamén as declaracións realizadas pola tenente de alcaldesa durante o debate plenario.

Segundo o PP, resultan “extraordinariamente graves” as acusacións vertidas contra a actual concesionaria, á que chegou a imputar a existencia dun sobrecusto dun 20% que non foi acreditado, chegando incluso a preguntarse publicamente “onde están os cartos”.

Neste sentido, os populares pregúntanse se o goberno municipal vai actuar en consecuencia coas súas propias afirmacións e aplicar o artigo 262 da Lei de Enxuizamento Criminal, que obriga ás autoridades públicas a poñer en coñecemento da xustiza posibles feitos delituosos dos que teñan constancia.

“Se realmente cren que existen irregularidades ou un uso indebido de fondos, o que corresponde é acudir ao xulgado e non lanzar insinuacións no pleno”, sinalan.

“Se quen goberna non sabe onde están eses supostos cartos, o que debería facer é explicar que control está exercendo sobre o servizo e sobre o contrato en vigor”, engaden.

Para o Partido Popular, este tipo de afirmacións sen base non só xeran alarma innecesaria senón que contribúen a deteriorar a credibilidade institucional nun servizo esencial para a cidade.

“O problema do contrato da auga non é a abstención do PP, senón un goberno incapaz de liderar, de construír acordos e de defender con coherencia o modelo que di querer para Santiago”, conclúen.