O líder do Partido Popular de Santiago, Borja Verea, compareceu hoxe en rolda de prensa xunto co presidente de UPTA, Eduardo Abad, para presentar un Plan Municipal de Compensación Fiscal para Autónomos, unha proposta que ambas entidades comparten “punto por punto” e que pretende dar resposta á situación crítica que atravesa o tecido económico da cidade.

Verea advertiu de que existe “unha realidade que non se pode ocultar”, avalada polos datos: Santiago perdeu preto de 100 comercios nos últimos meses e conta con 700 empresas menos que hai oito anos. A esta situación súmase unha caída do 30% na ocupación turística no mes de xaneiro e o feito de que A Coruña superase a Santiago en número de visitantes por segundo mes consecutivo.

“O motor económico da cidade está gripando, e é responsabilidade de todos activar as alertas e traer solucións. Iso é o que estamos facendo”, sinalou.

O líder popular lembrou que o Partido Popular leva semanas defendendo que o Concello debe asumir un papel activo no acompañamento aos autónomos, comercios e empresas, porque dispón de ferramentas suficientes para aliviar a súa situación. Nese sentido, insistiu na necesidade de crear unha ventá única ou oficina exprés que permita que calquera autónomo ou negocio teña unha atención prioritaria en todos os trámites municipais, reducindo tempos, burocracia e obstáculos administrativos que hoxe supoñen un freo adicional á actividade económica.

Tamén puxo o foco na necesidade de impulsar medidas fiscais que favorezan o mantemento do tecido comercial, como a bonificación do IBI nos locais comerciais. Esta medida podería aplicarse tanto aos propietarios directos como, no caso de inmobles alugados, aos donos dos locais sempre que esa bonificación se traduza nunha redución do prezo da renda para o negocio que ocupa o espazo.

Do mesmo xeito, Verea defendeu a posta en marcha dunha verdadeira estratexia de relevo xeracional que permita dar continuidade aos negocios históricos da cidade, moitos dos cales están a pechar por falta de substitución. Neste sentido, avogou por establecer mecanismos que poñan en contacto aos comerciantes que desexan retirarse tras anos de traballo cos novos emprendedores que queren iniciar unha actividade.

A estas iniciativas sumouse tamén a proposta de que o Concello poida alugar baixos comerciais para, a partir deles, desenvolver políticas activas de dinamización económica, facilitando o acceso a espazos a novos proxectos e contribuíndo a evitar o baleirado comercial de determinadas zonas.

“Falamos de medidas que poderían poñerse en marcha de xeito inmediato, pero o único que atopamos por parte do goberno do BNG é inacción e indolencia”, criticou Verea.

No centro da comparecencia situouse o Plan Municipal de Compensación para negocios afectados por obras, que foi detallado polo presidente de UPTA.

Eduardo Abad explicou que esta proposta busca establecer unha bonificación do 50% das taxas e impostos municipais para aqueles autónomos que sufran perdas económicas como consecuencia directa da execución prolongada de obras urbanísticas. O plan estaría dirixido aos negocios que poidan acreditar unha caída mínima do 20% na súa facturación derivada destas actuacións.

Abad cualificou de “mágoa” que o resto de forzas políticas con representación municipal non apoiasen a elevación desta iniciativa ao Pleno para o seu debate e advertiu de que máis de 40 comercios xa pecharon en Santiago no que vai de 2026. “Sabemos que os recursos municipais son limitados, pero os dos autónomos sono moito máis”, subliñou.

Verea concluíu destacando que o obxectivo desta proposta é garantir que as obras, necesarias para mellorar a cidade, non se convertan nunha condena económica para os negocios que sosteñen a súa actividade diaria.