O líder do Partido Popular de Santiago, Borja Verea, visitou estes días a tenda de cómics A Gata Tola, tras coñecerse o seu peche definitivo, para trasladarlle persoalmente o seu cariño ao seu responsable, Santi, e agradecerlle anos de dedicación a un espazo que marcou a vida cultural da cidade.

Cliente habitual desde hai tempo, Verea destacou a relación construída ao longo dos anos.

“Para min, como para moita xente, A Gata Tola foi sempre moito máis ca unha tenda. Foi un lugar ao que volver, no que descubrir novas historias e no que Santi sempre sabía que recomendarche”, sinalou.

O líder popular puxo en valor o papel que xogou este establecemento como punto de encontro para afeccionados ao cómic e á cultura, pero tamén como espazo de confianza e trato próximo. “Hai tendas ás que vas mercar, e outras ás que vas porque forman parte da túa rutina, da túa historia. A Gata Tola era destas últimas”, afirmou.

Verea quixo agradecer o trato recibido durante anos e recoñecer o traballo de Santi á fronte do negocio. “Sempre tivo unha recomendación acertada, sempre unha conversa pendente. Esa maneira de atender, de coñecer aos clientes e de compartir paixón polo que fai é o que converte unha tenda nun lugar especial”, engadiu.

O peche de A Gata Tola, sinalou, deixa un baleiro que vai máis alá do comercial. “Vai quedar a nostalxia dun espazo que acompañou a moitas persoas ao longo dos anos. E tamén o recordo de alguén que fixo que entrar pola porta sempre pagase a pena”, concluíu.