Os concelleiros do Partido Popular de Santiago, José Ramón de la Fuente e Adrián Villa, veñen de denunciar a grave irresponsabilidade do goberno de BNG e CA na xestión das obras de urbanización da rúa García Lorca, que, na actualidade, están paralizadas e que se converteron nun auténtico problema de seguridade e mobilidade para o barrio.
“O proxecto, herdado da administración anterior, -dixo De la Fuente- foi licitado tarde polo goberno nacionalista, polo que as obras comezaron a destempo e sen a mínima dilixencia requirida, como mostra a aparición de liñas de servizos imprevistas, o que sinala unha alarmante falta de planificación e supervisión técnica, dado que sempre é previsible que aparezan incidencias que aconsellen ter activados mecanismos de resposta rápida antes tales imprevistos, pero aquí nada se preveu e agora as obras están paralizadas, sen unha data concreta que albisque unha solución”.









Segundo o edil popular, “este tipo de incidencias, habituais en proxectos desta natureza, esixen unha resposta rápida e dilixente por parte do goberno municipal; lonxe diso, a xestión dos nacionalistas está sendo lenta e ineficaz”.
“O resultado -explicaron os populares- é unha rúa esnaquizada, a medio rematar, sen unha solución inmediata á vista”.
De la Fuente concretou que “a situación é especialmente grave en termos de seguridade viaria, posto que as beirarrúas están incompletas, con superficies irregulares e treitos intransitables, que obrigan aos peóns a camiñar pola calzada, o que supón un claro risco de accidentes, todo agravado pola sinalización insuficiente; o lamentable estado do firme, sobre todo, no paso de peóns á altura da confluencia coa avenida Castelao; e a falta de medidas temporais axeitadas”.
Os populares indicaron que “esta é unha zona onde viven moitas persoas maiores, moitas delas con mobilidade reducida, cuxo tránsito cara as súas casas é agora mesmo unha aventura perigosa, agravado ademais cunha oi deficiente sinalización que mesmo inhabilita o uso de pasos habilitados para as persoas, polo que o goberno BNG e CA está a expoñer a esta poboación vulnerable a perigos inaceptables, pola incompetencia na súa xestión”.
Ante esta situación, “o Partido Popular de Santiago reclama un prazo inmediato, público e vinculante para a continuación e finalización das obras e medidas urxentes e eficaces para garantir a seguridade viaria dos peóns mentres se realizan as obras”, remarcaron.
De la Fuente insistiu en que “a incompetencia do goberno nacionalista está a converter un proxecto necesario nun risco diario para os nosos maiores e para calquera veciña e veciño que, simplemente, queira camiñar con seguridade polo seu barrio. Non se pode gobernar a base de improvisación e escusas, mentres se pon en perigo á cidadanía”.