A concelleira do Partido Popular de Santiago, Yolanda Otero, mantivo unha reunión con membros da “Asociación Compostelá de Diabetes”, co fin de coñecer de primeira man o seu labor e as necesidades que teñen, entre as que destaca a carencia dun espazo físico axeitado, para desenvolver a súa actividade. A popular esixiulle ao goberno de BNG e CA que se deixe de poñer escusas e lles facilite un local no que podan desenvolver as súas actuacións e atención ás persoas usuarias con todas as garantías”.
“O actual espazo cedido é notablemente insuficiente -dixo a popular-, e non responde ás necesidades reais e da asociación, é evidente que non resulta axeitado, para que a entidade poida desenvolver o seu labor en condicións dignas, nin con horarios amplos e flexibles”.
Otero destacou que “a asociación presta apoio e atención a persoas e familias do Concello e da súa contorna, así como aos visitantes que, durante a súa estancia na cidade, precisan orientación ou asistencia no manexo da súa diabetes. Asemade, é punto de referencia e encontro para as persoas doutras asociacións de diabetes”.
Subliñou tamén que “se trata dunha entidade que desenvolve unha destacada labor social e que precisa un local axeitado para seguir prestando os seus servizos á veciñanza, polo que merece o apoio do goberno de BNG e CA os 365 días do ano, non só o 14 de novembro, Día Mundial de Diabetes”.
A edil popular insistiu en que “a asociación merece un local que sexa un punto de referencia estable e accesible tanto para os socios da entidade, como para calquera persoa que os necesite”.
Yolana Otero aclarou que. ante a relevancia social e o servizo que presta á comunidade, “o PP de Santiago xa reclamou en Pleno que o goberno nacionalista ceda, a esta entidade, un espazo axeitado, tanto en dimensións como en condicións para o desenvolvemento da súa actividade, unha reclamación que non contou co apoio do goberno de BNG e CA”.
“O goberno nacionalista debe atender ás necesidades do tecido asociativo de Compostela, un tecido vivo e diverso pero no que algunhas entidades, como a Asociación Compostelá de Diabetes, carecen de espazos físicos axeitados o que limita considerablemente a súa capacidade”, concretou.
Creada no ano 1986, é a asociación de diabetes máis antiga de Galicia, ostentando agora a presidencia e secretaría da Federación Galega de Pacientes de Diabetes, pero, mentres as asociacións de diabetes doutras cidades galegas, como Coruña, Ourense e Ferrol teñen sede propia, a de Santiago ten que desenvolverse nun espazo compartido no Centro Sociocultural “José Saramago”, no barrio de Vite, dous días á semana, luns e xoves, de seis á oito da tarde.
Entre as actividades que leva a cabo esta entidade están: a formación, a atención personalizada fundamentalmente ás persoas maiores, organización de obradoiros de nutrición, asesoramento sobre o uso de sensores e bombas de insulina, revisión de pés e acompañamento de fármacos.
Segundo os últimos datos publicados polo Instituto Nacional de Estatística, no ano 2024 producíronse en España 10.288 defuncións por diabetes. Galicia, con máis de 250.000 persoas diagnosticadas de diabetes, é unha das comunidades autónomas de España que conta cun número máis elevado de poboación con esta patoloxía; e Santiago tampouco é allea a esta enfermidade crónica.