Durante anos tivemos que escoitar todo tipo de descalificacións contra a senda ciclista que conecta Santiago co Milladoiro. Que era “un río de formigón”, que supoñía “un atentado ambiental”, ou que era “innecesaria”. Críticas que chegaron desde o goberno de BNG e CA, e do PSOE compostelán, que trataron de cuestionar e mesmo boicotear un proxecto pensado para mellorar a mobilidade e a conexión entre dous núcleos que forman parte da mesma realidade urbana. Hoxe, coa infraestrutura xa executada e moitos tramos e en funcionamento, queda claro que moitas desas críticas respondían máis a unha estratexia política e ao rexeitamento sistemático a calquera iniciativa que non fose propia que a unha análise seria do que necesita Santiago.
O líder do Partido Popular de Santiago, Borja Verea, reivindicou esta actuación como unha aposta política clara e decidida pola transformación da cidade e pola mellora da mobilidade entre Santiago e a súa contorna. A senda ciclista Santiago–Milladoiro foi defendida e impulsada por Verea como un proxecto estratéxico para avanzar cara a unha cidade máis conectada e con máis alternativas de mobilidade.
“Estamos a falar dunha infraestrutura que mellora a mobilidade, que conecta espazos que forman parte da vida diaria dos cidadáns e que aposta por unha cidade máis moderna, máis accesible e máis pensada para as persoas”, sinalou.
Para o líder popular, esta conexión entre Santiago e o Milladoiro supón ademais un avance evidente na mellora da mobilidade e na integración da área urbana, facilitando desprazamentos máis seguros e sostibles entre dous núcleos que manteñen unha intensa relación diaria. “Permite desprazarse con seguridade, fomenta hábitos saudables e ofrece alternativas reais ao uso do coche”, explicou.
Neste sentido, Borja Verea advertiu de que Santiago non pode permitirse quedar atrapado nun modelo de cidade paralizada por debates permanentes e oposición sistemática a calquera iniciativa que supoña avanzar. “Cada vez que propoñemos unha actuación transformadora aparece unha cascada de críticas, alarmismo e intentos de frear o progreso da cidade”, lamentou.
Para o líder do Partido Popular de Santiago, a senda Santiago–Milladoiro demostra que Santiago necesita máis proxectos que conecten, melloren a mobilidade e modernicen os espazos públicos, e menos debates estériles que só buscan bloquear iniciativas.
“Este é o tipo de actuacións que queremos para Santiago: proxectos útiles, que melloran a vida cotiá dos cidadáns e que contribúen a construír unha cidade máis aberta, máis conectada e máis preparada para o futuro”, afirmou Verea.
O tamén deputado autonómico sinalou ademais que esta infraestrutura representa tamén a diferenza entre dous modelos de cidade claramente distintos. “Mentres o Partido Popular ten un proxecto claro para Santiago, baseado en modernizar a cidade, mellorar a mobilidade e impulsar actuacións que transformen os espazos públicos, o goberno de BNG e Compostela Aberta leva anos demostrando xusto o contrario: falta de modelo, incapacidade para xestionar proxectos estratéxicos e unha permanente estratexia de bloqueo ante calquera iniciativa que supoña avanzar”, afirmou.
Para Verea, Santiago necesita un rumbo claro e un liderado capaz de impulsar proxectos que melloren a vida dos cidadáns, fronte á parálise e á falta de xestión que, ao seu xuízo, caracterizan o actual goberno municipal.