O concelleiro do Partido Popular de Santiago, Adrián Villa, denunciou a “preocupante proliferación de escombreiras”, nos últimos anos, en diferentes puntos da cidade, como o que se pode ver na parroquia de Laraño.
Para o edil popular, “estamos ante unha cuestión moi preocupante, que demostra o “pasotismo do goberno de BNG e CA, que defenden un falso medioambientalismo que, cando chegan ao goberno, parecen esquecer. A dura e pura hipocrisía que os define”, indicou.
Neste caso, Villa puxo o foco nun vertedoiro incontrolado na parroquia de Laraño, situado no interior dunha pequena pista deportiva abandonada, onde se pode visualizar un gran volume de escombro de obra, así como diferentes electrodomésticos e mobles, entre outros residuos. Ademais deste punto, o concelleiro popular remarcou que “non é complicado atoparse puntos similares, tal e como vimos denunciando nos últimos anos”.

“Unha cuestión que tamén está á orde do día no propio Ensanche -remarcou-, onde é ben doado atopar a rúa chea de residuos ao redor dos colectores”, un asunto que, ao seu entender, “responde a falta de información, publicidade e preocupación parte do goberno nacionalista”.
No referente aos vertedoiros máis afastados, os populares solicitan un cambio no modelo de recollida no punto limpo do polígono do Tambre, onde existe unha limitación no volume de depósito de lixo, “o que provoca -explicou- que un particular que faga unha pequena obra no seu fogar, non poida entregar todo o escombro, tendo que recorrer a unha empresa, co consecuente custe económico, o que fai que, moitas persoas, recorran a estes vertedoiros ilegais”.
Por último, os populares solicitaron que o goberno de BNG e CA “abandone a moqueta e baixe ao terreo”, para diagnosticar estes vertedoiros incontrolados e, de forma urxente, proceda á retirada de todos os residuos, instale sinais de advertencia e das posibles sancións e, a maiores, proceda a estudar unha flexibilización no volume que se pode depositar no punto limpo do Tambre.