O líder do Partido Popular de Santiago, Borja Verea, cualificou hoxe o goberno de BNG e CA como “un chiste” e asegurou que “estamos ante un goberno completamente liquidado que se esforza todas as semanas en boicotearse a si mesmo e cruzar os límites do ridículo”.
Na rolda de prensa celebrada esta mañá, Verea puxo como exemplo a situación do transporte nun barrio, explicando que “Goretti Sanmartín na oposición pedía un autobús, a Busto, como tedes na documentación que se vos acaba de entregar. Cando chega ao goberno di que é imposible, que non caben os autobuses porque hai unha cuestión técnica, que non poden entrar os autobuses”.
Segundo relatou, “os veciños indignados e cansos de tanta mentira din que prefiren marcharse a Trazo. Isto salta a todos os medios de comunicación. E de repente, o mesmo BNG di que si, que os problemas técnicos que había desapareceron en doce horas. Curiosamente despois da repercusión mediática. Como digo, este goberno é un mal chiste”.
Verea tamén puxo o foco na falta de presenza da alcaldesa no rural: “Vou dar outro dato, que ademais poden confirmar, e pido que confirmen coa Asociación de Veciños. ¿Saben vostedes cantas visitas fixo a alcaldesa á parroquia de Busto desde que é alcaldesa? Ningunha. Ningunha. Ningunha visita coa Asociación de Veciños de Busto”.
Neste sentido, animou aos medios a contrastar a información: “Pregunten vostedes á Asociación de Veciños cantas veces estivo o Partido Popular e eu mesmo na parroquia de Busto. Non vou dar os datos. Prefiro que lle pregunten á Asociación de Veciños”.
O líder popular estendeu esta crítica ao conxunto do municipio, asegurando que “así por todos os barrios e parroquias desta cidade. Unha alcaldesa desaparecida, escondida, encerrada cos seus asesores e aplaudidores”.
Fronte a isto, destacou o seu traballo sobre o terreo: “Na miña última visita estiven máis de tres horas percorrendo toda a parroquia. Bache a bache, pista a pista. E prometín aos veciños de Busto que, cando sexa alcalde, terán as pistas e estradas en condicións, sen rebacheos e sen parches”.
Verea defendeu un rural digno para Santiago: “Que non teñan que mirar a Trazo con envexa. Que poidan sentir tamén orgullo de ser do rural santiagués. Pero o mesmo pasa en Marrozos que se comparan con Boqueixón, en Barciela e en Cesar que se comparan con O Pino e con Oroso”.
“Santiago pode e debe ter un rural digno e os veciños sentirse orgullosos. O noso compromiso aí está. Ademais é público, transparente, todas as nosas visitas. Son públicas, teñen que coñecelas porque están comunicadas e transparentadas”, engadiu.
Por iso, insistiu novamente en preguntar á veciñanza: “Gustaríame que preguntaran aos veciños da Asociación de Busto: ¿cantas veces estivo a alcaldesa en Busto? ¿Cantas veces estivo o Partido Popular e eu mesmo na parroquia de Busto?”.
Para rematar, anunciou un compromiso concreto adquirido cos veciños: “Quero rematar cun compromiso. Un compromiso que adquirín tamén cos veciños persoalmente na última visita. Cando sexa alcalde conectaremos Gusto con Trazo, na zona de A Barcavella, detrás da casa de Eliseo recentemente falecido”.
“Faremos unha praia fluvial e unha pasarela que unirá Busto con Trazo e a igrexa de San Mateo. Foi comprometido cos veciños na última visita e eles poderán confirmalo”, explicou.
Finalmente, Verea criticou a actitude do goberno ante o seu traballo de proximidade: “Molesta, tamén molesta que percorramos os barrios, que esteamos nas parroquias, que esteamos coa xente. Todo molesta. A este goberno moléstalle que se faga o que nos comprometemos a facer desde o primeiro día”.
“Barrio a barrio, parroquia a parroquia. Toda a cidade, co obxectivo de coñecer mellor Santiago, sentir mellor Santiago e construír un mellor Santiago”, concluíu.