O líder do PP en Santiago, Borja Verea, criticou hoxe no Pleno municipal a aprobación da proposta do goberno local para a parcela de Peleteiro, advertindo de que supón “perder unha oportunidade histórica” para transformar o Ensanche compostelán.
Durante a súa intervención, Verea contrapuxo dous modelos “claramente diferenciados” de cidade: “o noso aposta por unha transformación profunda do Ensanche, mentres que o do PSOE e As Non Adscritas baséase na resignación e na indolencia”.
O líder popular lembrou que a proposta do PP pasaba —e segue pasando— por converter a parcela de Peleteiro “no novo corazón vibrante do Ensanche do futuro”, incorporando o espazo ao patrimonio público e poñéndoo “á disposición dos máis de 100.000 santiagueses”.
Fronte a isto, criticou que o modelo aprobado polo goberno de BNG e CA limite o uso da parcela á construción de vivendas para “100 ou 150 familias”, en lugar de concibila como un espazo aberto ao conxunto da cidadanía. “A nosa proposta era que Peleteiro fose para todas as familias de Santiago, mentres que a súa é para uns poucos”, sinalou.
Verea incidiu en que o proxecto defendido polo PP contempla destinar o 100% da parcela a equipamentos públicos, sociais, deportivos e culturais, cualificando esta alternativa como “máis sincera” que as propostas defendidas anteriormente polo executivo.
Ademais, lamentou que se chegue a esta situación tras “dez anos perdidos en liortas” entre as distintas forzas políticas, o que, ao seu xuízo, derivou nun escenario de “resignación” entre a veciñanza. Neste sentido, advertiu de que a actuación prevista converterá a parcela “nun novo bloque de cemento nunha zona xa altamente densa”, desaproveitando a única oportunidade de “dar osíxeno ao Ensanche”.
No transcurso do debate, o líder popular tamén quixo agradecer o ton dos representantes socialistas, ao tempo que criticou os cualificativos empregados por parte do BNG cara á proposta do PP. “Non entendo os insultos a outro modelo urbanístico. En democracia hai propostas diferentes e todas son lexítimas”, sinalou.
Neste sentido, insistiu en que o debate arredor de Peleteiro evidencia “dous modelos de entender a cidade”, ambos “perfectamente lexítimos”, e cuestionou o uso de etiquetas ideolóxicas no debate. “Se falamos de dereitas ou esquerdas, a nosa proposta —100% pública e para todos os cidadáns— semella máis propia da esquerda que a de construír vivendas para uns poucos”, afirmou,
Verea pediu centrar o debate no caso concreto e evitar descalificacións, lembrando que o PP leva anos defendendo esta proposta “con total normalidade”. “Sobraban eses insultos nun debate que levamos moitos anos mantendo nesta cidade”, engadiu.
Así mesmo, aclarou a posición do seu grupo en materia de vivenda, asegurando que o PP está a favor da vivenda pública no Ensanche, aínda que mediante outros instrumentos. “Defendemos un banco público de alugueiro nos pisos do Ensanche, pero consideramos que a parcela de Peleteiro debe estar destinada ao conxunto da cidadanía”, explicou.
Por todo iso, anunciou que Partido Popular de Santiago votou en contra da proposta do goberno, mantendo a coherencia coa súa posición en anteriores debates, e reiterou o seu compromiso cun modelo alternativo que converta Peleteiro “nun espazo público de referencia para toda a cidadanía”.