O concelleiro do Partido Popular de Santiago, José Ramón de la Fuente, denunciou hoxe que a lamentable situación da rede de Centros Socioculturais da cidade, cuxa “deplorable xestión ten paralizado todas as actividades que debe desenvolver o propio Concello”, esténdese tamén aos centros do rural, onde hai instalacións que levan meses pechadas sen que os veciños poidan sequera utilizalas para levar a cabo as súas xuntanzas.

De la Fuente puxo como exemplo especialmente grave o caso do centro sociocultural de Villestro, que leva “case ano e medio pechado sen que se albisque a curto prazo unha solución que permita a súa reapertura”. O edil explicou que os veciños levan todo este tempo sen poder desenvolver as súas reunións nin actividades, despois de que as obras previstas —que deberían ter comezado en novembro de 2024— non se iniciaran ata finais de xaneiro de 2025 e fosen paralizadas apenas un mes despois, en febreiro, deixando o local inhabilitado para o seu uso normal.

Estas actuacións estaban incluídas no Plan provincial de cooperación ás obras e servizos de competencia municipal e tiñan como prazo de finalización febreiro de 2025. “Non só comezaron con case tres meses de retraso, senón que foron paralizadas sen explicación algunha, prolongando unha situación absolutamente inaceptable”, advertiu.

O concelleiro detallou ademais os numerosos problemas estruturais que viña arrastrando o centro antes do inicio das obras, como infiltracións de auga a través da carpintería exterior da entrada traseira e, principalmente, desde o tellado; deficiencias importantes no illamento térmico do edificio; fugas de auga no pozo do ascensor; e un acceso exterior especialmente complicado en épocas de choiva, debido á acumulación de charcos e lama.

“É incomprensible que unha infraestrutura municipal estea paralizada durante máis dun ano sen que o goberno local ofreza explicacións nin solucións. Mentres tanto, son os veciños os que sofren as consecuencias”, afirmou De la Fuente.

O peche prolongado do centro está a ter un impacto directo na vida da parroquia, ao privar aos veciños dun espazo fundamental para a convivencia e a actividade comunitaria. Antes do inicio das obras, o centro acollía reunións veciñais e numerosas iniciativas dirixidas a diferentes grupos de idade, como programas de lecer, obradoiros de memoria para persoas maiores, actividades infantís, xogos e encontros comunitarios que fomentaban a participación e o espírito de comunidade.

Ante esta situación, o PP de Santiago esixe ao goberno local que adopte de maneira inmediata as medidas necesarias para rematar as obras e reabrir o centro sociocultural de Villestro, devolvendo aos veciños un espazo que consideran esencial. Así mesmo, reclama que, mentres non sexa posible a súa reapertura, se habilite un espazo alternativo na propia parroquia que permita manter con normalidade a vida comunitaria.

Finalmente, o concelleiro incidiu en que “os barrios e parroquias necesitan servizos e espazos públicos activos, non instalacións pechadas durante meses por mala xestión, desidia administrativa ou inacción política”.