O líder do PP en Santiago, Borja Verea, puxo hoxe en valor a importancia cultural, relixiosa e turística da Semana Santa compostelá, destacando o seu papel como un dos eventos máis singulares do calendario da cidade e un atractivo clave para veciños e visitantes.
Verea subliñou que “a Semana Santa de Santiago forma parte da nosa identidade e tradición, e merece o máximo apoio institucional para seguir medrando e consolidándose como referente”. Neste sentido, quixo destacar especialmente o labor das confrarías, así como o compromiso de centos de persoas que fan posible cada procesión, “mantendo viva unha tradición que combina historia, cultura e sentimento de comunidade”.
Ademais, puxo en valor o impacto positivo que esta celebración ten para a cidade, tanto desde o punto de vista turístico como económico, contribuíndo á dinamización do comercio local, a hostalaría e a proxección exterior de Santiago como destino de referencia tamén máis alá do Camiño.
O líder do PP en Santiago sinalou tamén que “a Semana Santa ten un enorme potencial de crecemento, tanto na mellora da súa programación como na súa promoción, o que permitiría atraer a máis visitantes e reforzar o seu prestixio”.
Porén, Verea lamentou o que cualificou como “desleixo” por parte do Goberno municipal de BNG e CA, ao considerar que “non están á altura da relevancia desta festividade nin do potencial que ten para a cidade”. Segundo indicou, “bótase en falta unha maior implicación, planificación e apoio económico que permita reforzar a programación e mellorar a experiencia tanto para os composteláns como para os visitantes”.
Así mesmo, criticou a falta de promoción institucional, asegurando que “Santiago non pode permitirse desaproveitar unha oportunidade como esta para atraer turismo de calidade e dinamizar a economía local”.