O líder do Partido Popular en Santiago, Borja Verea, criticou hoxe a decisión do goberno municipal de instalar de maneira permanente unha estatua de Moncho Reboiras na rúa Carreira do Conde, asegurando que “rompe o consenso para impor unha visión ideolóxica que non representa a Santiago”.

“Goretti Sanmartín, o BNG e Compostela Aberta rompen o consenso para impor unha estatua ideolóxica que non representa a Santiago e para utilizar o espazo público ao servizo da súa ideoloxía”, afirmou Verea.

O dirixente popular cualificou esta decisión como “un erro político e institucional de fondo”, incidindo en que “non é só a quen se decide homenaxear, senón como se fai”. “¿Que cidade queremos construír entre todos?”, preguntouse.

Verea advertiu de que se está a romper “cunha tradición de consenso nos recoñecementos públicos, especialmente cando implican elementos permanentes nun espazo tan simbólico como a rúa Carreira do Conde”. “Sempre se fixeron desde o consenso e agora rómpese porque se utiliza o espazo público como ferramenta partidista”, sinalou.

“Isto debería preocuparnos como demócratas, porque non responde ao interese xeral da cidade, senón a unha visión ideolóxica moi concreta que non representa á maioría dos santiagueses”, engadiu.

Así mesmo, puxo o foco no que considerou o aspecto “máis revelador” da decisión: “chama poderosamente a atención que se impulse unha homenaxe deste nivel a unha figura que non ten ningunha vinculación con Santiago de Compostela. Ningunha”.

Neste contexto, lanzou un reto público: “que alguén sexa capaz de xustificar a máis mínima vinculación de Moncho Reboiras con Santiago”.

Para concluír, Verea acusou ao goberno municipal de estar “máis cómodo impulsando debates identitarios e ideolóxicos que resolvendo os problemas reais dos veciños”, resumindo que “rompen o consenso para impor unha estatua ideolóxica dedicada a unha persoa sen vinculación coa cidade e utilizan o espazo público de todos ao servizo exclusivo da súa visión ideolóxica”.