A concelleira do Partido Popular de Santiago, Nerea Barcia, compareceu hoxe en rolda de prensa para denunciar a situación do rural compostelán tras case tres anos de goberno do BNG e Compostela Aberta, asegurando que “o único que chegou ás parroquias foron palabras baleiras, anuncios sen execución e promesas que nin sequera se intentaron levar a cabo”.

Barcia respondeu así ás recentes declaracións da concelleira de Rural, que aseguraba que o executivo local está a “superar o pactado” tanto en investimento como en actuacións, ademais de reforzar a información, a participación veciñal e o mantemento das infraestruturas. “Desde o Partido Popular gustaríanos saber exactamente a que se refire con esa afirmación e que explique con datos canto se investiu realmente no rural, que actuacións concretas se levaron a cabo e canto corresponde ao POS da Deputación e canto a fondos propios do Concello”, reclamou, lembrando que as asociacións veciñais levan tempo facendo estas preguntas sen obter resposta.

“Pero fronte a ese relato oficial está a realidade. E a realidade que trasladan cada día os veciños e veciñas non ten nada que ver co que conta o goberno. Aquí non hai unha superación de compromisos, hai unha acumulación constante de incumprimentos. Aquí non hai participación, hai silencio administrativo. Aquí non hai mantemento, hai abandono”, advertiu.

Neste sentido, criticou a falta de resposta ás demandas cidadás, tanto de forma presencial como a través das canles habilitadas, poñendo como exemplo a ferramenta Liña Verde, onde existen solicitudes rexistradas desde 2023 sen resposta ou con contestacións “xenéricas, copiadas e pegadas, sen solución real”.

A situación do mantemento, explicou, “é evidente para calquera que pise o rural”, cun estado xeral de deterioro das estradas, cunetas sen limpar, maleza invadindo espazos públicos e servizos básicos “inexistentes ou claramente insuficientes”. “Temos serias dúbidas de que este goberno estea supervisando o que ocorre nas parroquias”, advertiu, preguntándose se existe algún tipo de control real sobre estas actuacións.

En relación ao Pacto polo Rural, Barcia asegurou que “non se está a cumprir”, denunciando a ausencia de transparencia, planificación e participación do tecido asociativo na toma de decisións. “O rural non pode construírse de costas á súa xente”, afirmou, criticando que o goberno de Goretti Sanmartín actúe “sen escoitar, sen dialogar e sen asumir a realidade”.

A concelleira popular incidiu en que, tras case tres anos de mandato, “o rural está peor que nunca”, polo que se preguntou “que cidade están gobernando e para quen gobernan realmente”. Fronte a esta situación, reivindicou o traballo do Partido Popular desde a oposición, “escoitando, recollendo demandas e dando voz aos veciños”, cunha presenza constante nas parroquias e no día a día da veciñanza.

Ese contacto directo, explicou, permite constatar que as demandas se repiten en todo o rural compostelán, con necesidades básicas de mantemento, limpeza, desbroces, beirarrúas e asfaltado. Barcia fixo un percorrido por numerosas parroquias e zonas como O Eixo, Santa Cristina de Fecha, San Xoán de Fecha, Aríns, A Peregrina, Busto, Grixoa, Nemenzo, Sabugueira, Bando, Marrozos, Villestro, Figueiras, Laraño, A Barciela, Cesar, Marantes, Angrois, Carballal, Berdía ou Enfesta, subliñando que “o Partido Popular sabe perfectamente cales son as necesidades de cada unha”.

Neste contexto, cuestionou se o goberno municipal coñece realmente esas necesidades e, de ser así, por que non actúa. “E se non as coñece, é un problema aínda máis grave”, advertiu.

Barcia cualificou de “gravísimo” o feito de que nunha parroquia como Busto se chegase a expresar a vontade de pertencer ao concello de Trazo antes que seguir formando parte de Santiago, algo que, ao seu xuízo, “evidencia o nivel de abandono institucional ao que chegou o rural”.

Ademais, criticou que o executivo local estea “máis pendente das redes sociais que da xestión diaria” e puxo o foco na falta de planificación en cuestións básicas como o calendario de desbroces. “Estamos no mes de maio e seguimos sen saber onde está ese calendario, se se vai cumprir o contrato ou se haberá supervisión, ou se volveremos, un ano máis, á improvisación”, sinalou.

A concelleira concluíu lembrando que o rural precisa “constancia, planificación, execución e respecto”, e advertiu de que os veciños “cumpren coas súas obrigas e pagan os seus impostos, pero non reciben servizos á altura”. “Por iso temos que falar dun feito histórico, pero non polo avance, senón polo retroceso: o goberno de Goretti Sanmartín está a deixar unha pegada histórica no rural, si, pero marcada polo abandono”, rematou.