O líder do Partido Popular en Santiago, Borja Verea, acompañado dos concelleiros Olaya Otero e José Ramón de la Fuente, visitou aos veciños da Rúa do Carballo, na zona de Sar, onde puido comprobar de primeira man o estado “absolutamente lamentable” no que se atopa a vía, que leva sen recibir actuacións reais de mellora desde hai máis de catro décadas.

Durante a visita, Verea escoitou as queixas dos residentes, que denuncian o abandono total por parte do goberno de BNG e CA e a falta de mantemento dunha estrada que presenta un firme moi deteriorado, cheo de fochancas e irregularidades que dificultan o tránsito e supoñen un risco tanto para vehículos como para peóns.

“Estamos a falar dunha rúa que leva 40 anos sen unha actuación real. Corenta anos. É difícil atopar un exemplo máis claro do abandono ao que este goberno de Goretti Sanmartín ten sometidos moitos barrios e zonas de Santiago”, sinalou Verea, quen cualificou a situación de “vergoñenta e impropia dunha capital como Compostela”.

O líder popular advertiu de que o estado da vía non só xera incomodidades no día a día, senón que tamén pode provocar danos nos vehículos e situacións de perigo, especialmente en días de chuvia, cando as fochancas quedan ocultas. “Non é só unha cuestión estética, é unha cuestión de seguridade. E aquí o goberno de BNG e CA está fallando de maneira evidente”, engadiu.

Verea criticou que, mentres se anuncian proxectos e grandes titulares, “hai veciños que levan décadas esperando algo tan básico como poder circular por unha rúa en condicións dignas”. “Este é o exemplo perfecto dun goberno máis preocupado pola propaganda que por resolver os problemas reais da xente”, afirmou.

Ademais, puxo en valor a actitude dos veciños, que levan anos reclamando unha solución sen obter resposta. “O mínimo que merecen estes veciños é respecto, e o respecto tamén se demostra atendendo as súas demandas e actuando cando hai problemas tan evidentes como este”, subliñou.

Por último, o líder popular esixiu ao goberno nacionalistal que actúe de maneira inmediata na Rúa do Carballo e que estableza un plan de mellora e mantemento das vías municipais que evite que situacións como esta se repitan noutros puntos da cidade. “Non se pode permitir que en Santiago haxa rúas ancoradas hai 40 anos. Hai que pasar das palabras aos feitos dunha vez por todas”, concluíu.