O concelleiro do Partido Popular de Santiago, José Ramón de la Fuente, asegurou hoxe que a sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia sobre a denegación da prórroga do anterior interventor municipal “confirma plenamente as dúbidas e advertencias que o Partido Popular xa expresou no ano 2024 sobre a actuación do goberno de Goretti Sanmartín neste asunto”.

De la Fuente lembrou que os populares xa denunciaron no seu momento a “gravidade institucional” dunha decisión que consideraban “profundamente política”, ao entender que detrás da negativa a permitir a continuidade do interventor podía existir “un intento de apartar unha figura incómoda para o Goretti Sanmartín polo exercicio independente das súas funcións de control e fiscalización económica”.

“O tempo acabou poñendo as cousas no seu sitio. O que o goberno de BNG e CA intentou presentar como unha decisión puramente organizativa remata agora cunha sentenza do TSXG que anula o procedemento seguido polo Concello por prescindir do procedemento legalmente establecido”, afirmou.

O popular subliñou que o alto tribunal deixa claro que o executivo local adoptou a decisión sen contar cun informe preceptivo da área de Recursos Humanos, un defecto que obriga a retrotraer todo o expediente ao momento da solicitude da prórroga.

“Estamos falando da figura encargada do control económico, financeiro e orzamentario do Concello. Non é unha cuestión menor nin un simple trámite administrativo. É unha cuestión que afecta directamente ás garantías, á transparencia e ao correcto funcionamento institucional do Concello de Santiago”, sinalou.

Neste sentido, De la Fuente criticou que o goberno de Goretti Sanmartín tratase de xustificar a súa decisión falando da procura dun perfil “máis moderno” ou “máis proclive aos cambios organizativos”, asegurando que “o problema nunca foi a modernización nin a dixitalización da administración”.

“O verdadeiro problema era que existía un interventor que exercía a súa función con independencia, realizando informes e reparos incómodos para o goberno de Goretti Sanmartín. E iso é precisamente o que un goberno democrático debería respectar e protexer, non apartar”, afirmou.

O concelleiro popular advertiu ademais dunha “crecente politización” da estrutura municipal, asegurando que “mentres se apartan funcionarios independentes encargados de exercer funcións de control e fiscalización, o goberno de Goretti Sanmartín continúa reforzando os postos de confianza e libre designación con persoas claramente vinculadas politicamente ao BNG”.

“Nós seguimos preguntándonos que modelo de administración quere realmente este goberno. Porque resulta difícil non establecer unha comparación entre o trato dado a funcionarios independentes e a aposta constante por incorporar cargos de perfil claramente político, incluso procedentes doutros concellos, como é o caso dun concelleiro do BNG en Ribeira incorporado como asesor ao Concello de Santiago”, apuntou.

Finalmente, De la Fuente asegurou que esta sentenza “volve evidenciar unha forma de gobernar baseada na improvisación, na confrontación cos órganos de control e na incapacidade de aceptar límites e fiscalización interna”, e reclamou ao goberno de BNG e CA “máxima transparencia” sobre os pasos que vai dar agora o Concello tras o pronunciamento do alto tribunal galego.