O edil do Partido Popular de Santiago, José Ramón de la Fuente, arremeteu hoxe contra o goberno de Goretti Sanmartín “polo desprezo que ben demostrando, de xeito persistente, ao tecido deportivo da cidade, que colma o vaso co comportamento dispensado ao Club Natación Santiago”.
“Antes de pechar as piscinas para as obras na cuberta, -explicou o popular- houbo unha evidente e sangrante falta de dialogo e información previa cos clubs, aos que se lle presentou un escenario de feitos consumados, polo que non lles quedou máis remedio que adaptarse sobre a marcha e coa tempada xa comezada”.
De la Fuente remarcou que “ao Club Natación Santiago se lle crearan unhas expectativas que o goberno de BNG e CA non cumpriu; ou enganaron ao club ou a concelleira non sabe como funciona o Concello e promete cousas que non pode cumprir e, agora, as promesas incumpridas ocasionáronlle ao club uns gastos, que agora os nacionalistas non quere compensar, orixinándolle un dobre prexuízo”.
“O PP de Santiago quere coñecer os motivos polos que se suprimiu a instalación de baños de vapor, tras a apertura do recinto das piscinas de Santa Isabel, un servizo moi demandado polos usuarios, que cando volveron se atoparon con que o equipamento foi eliminado sen información previa e sen que se teñan ofrecido alternativas, aínda que, a día de hoxe, segue publicitado na páxina web”, destacou.
José Ramón de la Fuente insistiu en que “numerosos abonados e abonadas trasladaron xa o seu malestar, sinalando que os baños de vapor non só eran un elemento de lecer, senón tamén un recurso beneficioso para a saúde e o benestar”.
“Consideramos -agregou- que é inaceptable que unha actuación financiada con recursos públicos derive nunha diminución de servizos, en lugar dunha mellora dos mesmos, polo que esixímoslle ao goberno nacionalista que explique, de xeito inmediato, os motivos da eliminación dos baños de vapor, que faga públicos os informes técnicos que avalen dita decisión e, sobre todo, que se comprometa á reposición urxente deste servizo ou ofreza aos usuarios unha compensación pola súa eliminación”.
Así mesmo, o edil popular advertiu que se eliminou a escaleira que permitía aos deportistas o acceso directo e diferenciado dende a grada ao vaso, sen que se teña previsto unha alternativa, polo que agora teñen que usar o acceso xeral, compartido co público, por unhas escaleiras e enlousado que non están preparados para evitar esvaróns, como xa se teñen producido desde que se reabriu a instalación”.
O concelleiro popular lamentou “a falta de ambición do goberno de Goretti Sanmartín que, indolente e falto de proxecto para o Deporte da cidade, se conformou con seguir cara adiante cun proxecto herdado do goberno de Bugallo que, a todas luces, é insuficiente para atender ás necesidades do deporte da auga en Santiago”.
Finalmente, De la Fuente engadiu que “é imprescindible a apertura dunha canle de diálogo cos clubs e usuarios, co fin de garantir que futuras actuacións en instalacións municipais respondan realmente ás súas necesidades, xa que o goberno nacionalista non pode seguir actuando de costas á cidadanía”.