O líder do Partido Popular en Santiago, Borja Verea, reclamou hoxe unha “reflexión seria” sobre o modelo de mobilidade do goberno municipal tras o incremento das multas na cidade e advertiu dun “cambio preocupante cara a un modelo baseado na sanción”.

Verea sinalou que nas últimas semanas se coñeceron datos “que non son menores” e que apuntan a un incremento claro da presión sancionadora. Neste sentido, lembrou que os orzamentos municipais para 2026 recollen “un incremento moi importante dos ingresos por multas, a día de hoxe sen xustificar”, a pesar de terse solicitado explicacións tanto en rolda de prensa como en sesión plenaria.

A isto súmanse, segundo indicou, as queixas crecente de veciños e profesionais. “Estamos a ver como se incrementa a presión en todo o que ten que ver con sancións e multas, especialmente nas contornas dos colexios, en pais e nais, profesionais e hostaleiros, que están sufrindo unha presión que antes non existía nestes puntos e nestas horas concretas na cidade”, advertiu.

O dirixente popular destacou tamén o último dato coñecido: “ao longo de 2025 as multas incrementáronse un 16%, con datos xa pechados”. Unha evolución que, ao seu xuízo, “afecta á vida cotiá de miles de veciños e está xerando unha sensación crecente de afán recadatorio”.

Neste contexto, Verea chamou a abrir “un debate lexítimo entre seguridade viaria e castigo indiscriminado”. “Na política municipal, moitas veces estes temas importan máis que os grandes debates ideolóxicos, porque afectan directamente ao día a día da xente”, subliñou.

O líder popular quixo deixar clara a súa posición: “Defendemos a seguridade viaria, protexer aos peóns, aos maiores, ás familias e aos condutores, e reducir a velocidade en zonas sensibles. Pero tamén defendemos algo igual de importante: o sentido común”.

Así, advertiu de que “unha cousa é previr accidentes e outra moi distinta é converter a multa, a sanción, na única e principal resposta deste Concello”.

Verea fixo especial referencia aos radares de Conxo, sobre os que asegurou que existen “dúbidas máis que razoables sobre o seu carácter recadatorio”. “A propia alcaldesa e o propio goberno dixeron por activa e por pasiva que eran radares recadatorios. Aí están as declaracións”, lembrou.

Segundo indicou, existe “unha sensación xeneralizada de inxustiza” ante estes dispositivos, que se mantén no tempo “sen datos públicos claros sobre a mellora da seguridade” e que, ademais, “vai ser incrementada con novos radares nese punto concreto”.

Fronte a esta situación, Verea defendeu que “gobernar non consiste en castigar máis, senón en previr mellor” e propuxo a retirada do radar de Conxo acompañada de medidas como “unha auditoría pública da sinistralidade real da contorna, unha sinalización clara, visible e pedagóxica, para que o obxectivo sexa cumprir a norma e non sorprender ao condutor”.

Ademais, avanzou que, nun eventual goberno do PP, “todos os radares serían avaliados trimestralmente, con transparencia sobre os seus resultados”, revisando a súa necesidade e localización “se non melloran a seguridade ou unha vez cumprido o seu obxectivo”.

“O fácil é poñer radares e recadar máis e máis a través das multas sen explicar por que nin con que obxectivo. Iso é o que está a facer o goberno de BNG e CA”, criticou, lembrando que os ingresos previstos por sancións pasan “dos 3,4 millóns de euros do ano pasado aos 5,1 millóns neste exercicio”.

Neste contexto, lanzou unha pregunta directa ao executivo: “Se antes dicían que os radares eran recadatorios, por que ese cambio de criterio?”.

Verea concluíu defendendo “un Santiago no que moverse non sexa unha carreira de obstáculos, senón unha cidade na que o goberno axude máis e castigue menos”.