O líder do Partido Popular en Santiago, Borja Verea, pediu hoxe ao voceiro do PSOE que aclare a súa posición sobre a estatua de Moncho Reboiras tras as declaracións realizadas esta fin de semana, e advertiu do “crecente descontento” que está a xerar esta decisión na cidade.
“Estou convencido de que existe unha maioría tranquila e moderada en Santiago que non comparte a colocación desta simboloxía da UPG e do BNG no centro da cidade”, afirmou, insistindo en que “non existe ningunha relación de Moncho Reboiras con Santiago”.
Verea lembrou que hai tres semanas lanzou un reto público para que se xustificase esa vinculación, “sen que a día de hoxe exista resposta”.
Neste contexto, asegurou que esa maioría social “inclúe tamén a moitos votantes do PSOE” e criticou que a instalación da estatua “non foi só unha decisión do BNG, senón que saíu adiante co apoio expreso do Partido Socialista”.
Por iso, mostrou a súa sorpresa polas declaracións realizadas por Sindo Guinarte esta fin de semana, nas que defendían que “este tipo de cuestións deben realizarse co máximo consenso posible e ningún partido debe monopolizar o espazo público”.
“Estou de acordo palabra por palabra co que din agora, pero fixeron exactamente o contrario”, afirmou.
Finalmente, Verea lanzou unha pregunta directa: “Está ou non está o PSOE de Santiago a favor desta estatua? Merece unha resposta ante a polémica suscitada. Porque non se pode dicir unha cousa e facer a contraria”.