O Partido Popular de Santiago, a través da súa concelleira Yolanda Otero, reclamámoslle ao goberno de BNG e CA que adopte, de forma progresiva, distintas medidas de acción positiva co fin de contribuír ao apoio ás persoas afectadas pola Esclerose Lateral Amiotrófica (ELA), as súas familias e coidadores. Para a popular, “o goberno nacionalista ten que ir máis alá dunha declaración institucional, debe amosar o seu compromiso coa veciñanza diagnosticada desta enfermidade”.

“Entre as medidas que nós propoñemos -remarcou a edil popular- están as de incluír esta categoría e persoa beneficiaria nas convocatorias de axudas e programas municipais; establecer descontos ou preferencia para as persoas diagnosticadas de ELA no acceso aos servizos municipais; ou establecer bonificacións ou exencións en taxas municipais, entre outras”.

Otero insistiu que “o goberno de BNG e CA debe implicarse e contribuír á mellora da calidade de vida da veciñanza, sobre todo, aos que máis necesidades de apoio precisan, como o son os afectados por esta doenza e debe tamén visibilizar e concienciar sobre as súas necesidades e avanzar en iniciativas que lle axuden a encarar o día a día”.

Para a popular, “o goberno nacionalista ten que ter claro que nos referimos a veciñas e veciños moi vulnerables, cunha expectativa de vida entre os tres e cinco anos, é dicir, falamos de dignidade humana, non de ideoloxía ou cores políticas”. 

Cabe sinalar que a ELA é a terceira enfermidade neurodexenerativa en incidencia, só tras o alzhéimer e o párkinson. Trátase dunha das principais causas de discapacidade e provoca unha perda gradual da autonomía da persoa, xerando, progresivamente, unha significativa discapacidade e a necesidade de apoio e asistencia de terceiras persoas para a realización das actividades da vida diaria, o que converte ao doente, pouco a pouco, en gran dependente. É unha discapacidade que afecta non só a persoa senón tamén a súa familia e coidadores.

En España, hai entre 4.000 e 4.500 persoas con ELA, diagnostícanse cada ano entre 900 e 1.000 novos casos, polo que, cada día, tres persoas son diagnosticas con ELA en España e outras tres falecen.