O concelleiro do Partido Popular de Santiago, José Ramón de la Fuente, asegurou hoxe que a sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia sobre o cesamento do interventor municipal confirma que o goberno de Goretti Sanmartín “apartou do seu cargo a un interventor incómodo” e acusou ao executivo local de “purgar aos funcionarios incómodos”.
“O que estamos coñecendo estes días confirma que o goberno de Goretti Sanmartín purga aos funcionarios incómodos”, afirmou De la Fuente durante a súa comparecencia pública, na que lembrou que a sentenza do TSXG declara nulo o cesamento do interventor municipal pola denegación da prolongación do servizo activo que solicitara.
Segundo explicou o concelleiro popular, o fallo xudicial “confirma as sospeitas que xa expresamos no ano 2024 sobre a actuación do goberno de Goretti Sanmartín neste asunto”. “Non hai dúbidas: hai unha sentenza que confirma o que temiamos. O goberno de Goretti Sanmartín infrinxiu a lei para apartar a un funcionario incómodo”, afirmou.
De la Fuente lembrou que o Partido Popular xa denunciara “a gravidade da decisión política que se agochaba detrás da purga deste funcionario”, ao considerar que fora apartado “precisamente por exercer as súas funcións de control e fiscalización con independencia, tal e como esixe a lei”.
O edil popular foi máis alá e asegurou que a información coñecida nos últimos días evidencia que “houbo unha decisión premeditada, orquestrada e perfectamente calculada para vulnerar a lei”, ao considerar especialmente grave que se esperase “a que a funcionaria responsable de informar esa petición estivese de vacacións para solicitar á Dirección de Área un informe ‘o máis axiña posible’”.
“É dicir, estiveron esperando á ausencia da responsable de emitir un informe para activar o procedemento e resolver esa petición. Nin un día antes, nin un día despois. Piden o informe exactamente o mesmo día no que a funcionaria responsable de emitilo comeza as súas vacacións”, denunciou.
Para De la Fuente, este feito provoca que “a decisión final non se apoie nun informe dunha funcionaria independente, senón en informes de altos cargos de confianza do goberno”.
Ademais, criticou duramente a actuación da alcaldesa, asegurando que primeiro trasladou persoalmente ao interventor que “non había problema” coa súa petición de prolongación do servizo activo e que, días despois, se lle notificou que a decisión de denegala “xa estaba tomada e asinada”.
“Goretti Sanmartín retorceu o procedemento e mentiu”, afirmou. “Non só lle denega ao interventor unha solicitude que un ano antes fora autorizada exactamente nas mesmas condicións, senón que lle mente para causarlle premeditadamente un prexuízo persoal innecesario”, engadiu.
“Mala alcaldesa e mala persoa”, sentenciou.
O concelleiro popular asegurou tamén que “neste procedemento, no que, a tenor da sentenza do TSXG, se infrinxe a lei, participan varias persoas e hai concerto para actuar nun determinado sentido e para conseguir un determinado obxectivo”, polo que considera que “todo apunta a que hai unha trama para conseguir un obxectivo agora declarado nulo polo Tribunal Superior de Xustiza”.
Neste sentido, acusou ao BNG de intentar presentar o cesamento “como unha decisión puramente organizativa”, cando “o que se agochaba detrás era unha decisión política de apartar do seu posto a un funcionario incómodo por exercer con independencia as súas funcións de control e fiscalización do goberno”.
De la Fuente afirmou ademais que este episodio “encaixa perfectamente no indisimulado intento de montar na Administración do Concello de Santiago unha auténtica rede clientelar ao servizo do BNG”, criticando a “inflación de altos cargos e asesores” e o “nomeamento de significados cargos públicos do BNG”.
O edil anunciou que o Partido Popular xa solicitou “por escrito toda a documentación completa deste procedemento” para comprobar “punto por punto se o que se está publicando se corresponde coa realidade e para que non quede ningunha dúbida”.
“Porque isto non vai de opinións, vai de feitos e vai de documentos. Vai de como toma as decisións o goberno local de Santiago”, afirmou.
Durante a súa intervención, De la Fuente formulou varias preguntas dirixidas ao goberno municipal: “Esperaron premeditadamente a que a funcionaria responsable de emitir un informe preceptivo estivese de vacacións? Tomaron a decisión de cesar o interventor antes de completar o procedemento? Prescindiron deliberadamente dun informe preceptivo? Substituíron premeditadamente os criterios técnicos independentes por informes de altos cargos de confianza?”
“Isto non vai só dun funcionario, do cesamento dun interventor. Aquí hai algo máis de fondo. Vai de se en Santiago se respectan as regras ou se se adaptan as regras ás decisións políticas”, advertiu.
Por último, o concelleiro popular insistiu en que “se lemos a sentenza, vemos claramente que o TSXG considera ese informe absolutamente imprescindible e preceptivo, e que se fixo todo o posible para obviar a emisión dese informe”.
“O que temos agora mesmo é unha sentenza que confirma que, deliberadamente, o Concello non incorporou ao expediente un informe que era preceptivo”, afirmou, lembrando ademais que “o Concello sabía perfectamente que ese informe era necesario, porque un ano antes ese mesmo funcionario solicitara a prolongación do servizo nas mesmas condicións e emitírase un informe favorable”.
“É obvio que se actuou de maneira distinta a como se actuara un ano antes para resolver a mesma petición ao mesmo funcionario. E iso é algo ao que ten que responder a alcaldesa. Por que cambiou? Por que obrigou á Administración do Concello a actuar de maneira distinta? Ten que dar explicacións ela”, concluíu.