O líder do Partido Popular de Santiago, Borja Verea, desenvolveu este xoves unha intensa xornada de traballo en Bruxelas centrada en cuestións relacionadas coa vivenda, a mobilidade, o turismo, os fondos europeos e os principais retos urbanos que afrontan actualmente as cidades europeas.

Durante a mañá, Verea participou, acompañado dos eurodepurados Francisco Millán Mon e Adrián Vázquez Lázara, nun encontro con funcionarios  e técnicos europeos vinculados á Comisión REGI do Parlamento Europeo, centrada en política rexional e desenvolvemento urbano, no que se abordaron diferentes cuestións relacionadas co papel das cidades na planificación territorial europea e o acceso a fondos comunitarios.

Ao longo da xornada, o líder popular realizou tamén diferentes reunións institucionais no Parlamento Europeo e seguiu sesións vinculadas ao Comité Europeo das Rexións, destacando a importancia de que Santiago “teña presenza e interlocución nos espazos europeos nos que tamén se debaten cuestións que afectan ás cidades”.

Así, Verea, mantivo un encontro con Filippo Terrusso, con quen analizou o papel das cidades e rexións europeas na definición das políticas comunitarias e os desafíos que afrontan actualmente os gobernos locais. “Santiago ten enormes oportunidades de futuro, pero necesita planificación, ambición e capacidade para aprender tamén das cidades que mellor están funcionando en Europa”, afirmou.

A axenda incluíu ademais unha reunión representantes de Eurocities para coñecer diferentes experiencias e proxectos impulsados noutras cidades europeas en ámbitos relacionados coa mobilidade, a planificación urbana e o turismo.

Verea aproveitou para partillar tamén coa eurodeputada  portuguesa Ana Miguel Pedro, abordando cuestións vinculadas á cooperación entre cidades, a conexión atlántica e os retos compartidos entre Galicia e Portugal. “O importante é coñecer experiencias útiles, establecer contactos e entender como están afrontando outras cidades europeas problemas que tamén temos en Santiago”, sinalou Verea. Durante o encontro, ambos intercambiaron tamén impresións sobre a estreita relación entre o galego e o portugués e as oportunidades culturais, económicas e institucionais que esa proximidade lingüística ofrece a nivel mundial.

A axenda do líder popular continuará este venres con diferentes visitas centradas especialmente en modelos europeos de seguridade, convivencia e xestión urbana, entre eles a visita á cidade belga de Mechelen, recoñecida nos últimos anos polas súas políticas de seguridade e cohesión social.