O líder do Partido Popular de Santiago, Borja Verea, pechou este venres en Mechelen a súa viaxe institucional a Bruxelas cunha xornada centrada en coñecer modelos europeos de seguridade, convivencia, mobilidade e xestión urbana aplicables á realidade de Santiago.
Durante a visita, Verea mantivo un encontro co vice alcalde da cidade, Abdrahman Labsir, con quen abordou diferentes políticas desenvolvidas nos últimos anos nesta cidade flamenca, considerada un dos exemplos europeos de transformación urbana, convivencia e mellora da seguridade.
Ao longo da xornada, o líder popular percorreu diferentes espazos urbanos e coñeceu actuacións vinculadas á mobilidade, á recuperación do espazo público, á convivencia cidadá e á planificación urbana, nunha cidade de dimensións similares a Santiago.
“É importante estudar os modelos de éxito, coñecer experiencias que funcionan, aprender delas e analizar que medidas poden ser útiles para Santiago”, explicou Verea.
A axenda incluíu tamén unha visita ao Concello de Bruxelas, onde o líder popular mantivo un encontro co vicealcalde Frederic Ceulemans. Durante a visita, ambos intercambiaron impresións sobre a proxección internacional das cidades, a cooperación institucional e a importancia do Camiño de Santiago como elemento de conexión europea, nun encontro no que tamén estivo presente a simboloxía xacobea coa cuncha compostelana, destacada no mesmo corazón da Grand Place.
O dirixente popular destacou especialmente a importancia da planificación e da xestión continuada nas políticas urbanas. “Hai cidades europeas que demostraron que se poden facer mellor as cousas. O importante é ter proxecto, ambición e capacidade para aplicar solucións útiles pensando no futuro da cidade”, afirmou.
Esta visita puxo o peche a unha viaxe institucional desenvolvida ao longo dos últimos días en Bruxelas, onde Verea mantivo tamén diferentes encontros e reunións centradas nos retos urbanos que afrontan actualmente as cidades europeas.

Durante a súa estancia na capital europea, o líder popular participou en reunións vinculadas á política rexional e urbana europea, encontros con representantes municipais e europeos e sesións do Comité Europeo das Rexións, ademais de manter reunións centradas en vivenda, mobilidade, turismo e cooperación entre cidades.
Ademais quixo agradecer ao eurodeputado Adrián Vázquez a súa defensa de Santiago e Galicia en Bruxelas e destacou que “esta viaxe, na que tiven un gran anfitrión, Adrián Vázquez, permitiume coñecer experiencias interesantes, establecer contactos e analizar modelos urbanos que poden aportar ideas útiles para mellorar Santiago”.Pola súa banda, o Vázquez Lázara, que acompañou a Verea en varios encontros, afirmou que “é un pracer recibir a Borja Verea en Bruxelas. A próxima viaxe será como alcalde. O alcalde moderno e conectado con Europa que merece unha cidade global como Santiago”.