A concelleira do Partido Popular de Santiago, Nerea Barcia, vén de esixirlle ao goberno de BNG e CA que “actúe con urxencia na parroquia de Berdía, co fin de solucionar as numerosas deficiencias que afectan á mobilidade, á seguridade e á calidade de vida de toda a súa veciñanza”.

Barcia reclamou “o arranxo inmediato dos dous accesos principais á parroquia, xa que presentan un estado moi deficiente, que dificulta tanto o tránsito rodado, como o peonil e supón un risco evidente para as persoas usuarias”. 

A edil popular lembrou que, aínda que existe unha actuación prevista, a través do POS da Deputación da Coruña, nada se fixo e “as veciñas e veciños non poden seguir agardando indefinidamente por unha solución, posto que, apesar das súas reclamacións ao goberno nacionalista, non obteñen resposta algunha”.

Barcia tamén puxo o foco no acceso á igrexa parroquial, onde as lousas levantadas, a falta de limpeza e mantemento nas escaleiras e a ausencia dunha rampla para persoas con mobilidade reducida, maiores ou carriños de bebés converten este espazo nun punto, especialmente, problemático.

A popular advertiu, ademais, “do abandono da pista cuberta da parroquia, que sufre problemas de iluminación, falta de limpeza nos canalóns e tampouco hai información sobre a reposición das canastras, o que limita o seu uso e deteriora unha infraestrutura fundamental para a veciñanza”.

Por último, Nerea Barcia criticou “o incumprimento na convocatoria do Consello do Rural, comprometida para despois de Semana Santa e que segue sen celebrarse, o que é -engadiu- unha mostra máis da falta de planificación, de transparencia e de vontade política deste goberno de BNG e CA”.