O concelleiro do Partido Popular en Santiago, José Antonio Constenla, reclamoulle ao goberno de BNG e CA que tome as medidas necesarias para a conservación, recuperación e posta e valor da igrexa de Santa Susana e a súa contorna, situada no centro da cidade e nun dos parques máis emblemáticos da capital de Galicia.
“O primeiro que tería que facer o goberno nacionalista -explicou- é elaborar un plan integral de intervención para este edificio e impulsar, con medios locais ou en colaboración co Consorcio ou outras administracións, as actuacións necesarias para a súa recuperación, priorizando a protección dos elementos de valor histórico-artístico”.
José Antonio Constenla destacou que sería importante “proceder á instalación dun sistema de videovixilancia e control permanente, conforme á normativa vixente, que permita previr actos vandálicos e reforzar a seguridade do recinto e establecer un programa periódico de mantemento e limpeza, que evite o seu progresivo deterioro”.
Así mesmo, o popular insistiu en que tamén é preciso “colocar sinalización e información interpretativa, con paneis ou outros soportes, que poñan en valor a relevancia histórica, cultural e patrimonial do lugar; e promover accións de sensibilización cidadá, sobre todo, dirixidas á poboación nova, que expliquen a importancia do respecto e conservación do patrimonio”. Ademais, engadiu de “estudar a incorporación do recinto a itinerarios culturais e turísticos, reforzando a súa integración na oferta patrimonial da cidade”.
O edil popular lembrou que, “hai xa máis de sete anos, o Partido Popular de Santiago presentou no Pleno unha iniciativa que foi aprobada, para regularizar a situación do recinto desta igrexa, garantir o seu mantemento e conservación e avanzar na recuperación do edificio, incorporando ademais medidas de vixilancia que evitasen a reiteración de actos incívicos”.
“Con todo, -agregou- a situación actual da igrexa e a súa contorna pon de manifesto a insuficiente atención prestada nos últimos tempos e a necesidade de reactivar o impulso político para actuar sobre este espazo singular da cidade”.
“Na actualidade, o recinto presenta un estado de deterioración impropia da súa relevancia, con pintadas, humidades e rotura de cristais, que reflicten unha situación de abandono continuado por parte do goberno nacionalista”.
Como explicou o edil popular, “esta situación non só afecta á imaxe da contorna, senón que compromete a conservación do patrimonio, permitindo a entrada de auga e aves ao interior do templo, onde se conservan elementos artísticos de valor, como o retablo datado en 1709”.
“Ademais, -engadiu- a reiteración de actos vandálicos evidencia a ineficacia das actuacións puntuais de limpeza ou reparación, que resultan insuficientes sen medidas estruturais de protección”.