O concelleiro do Partido Popular de Santiago, Borja Rubio, amosou hoxe, tras as declaracións da alcaldesa, o seu rexeitamento á creación dunha nova empresa pública e da construción dunha macrocociña centralizada para os comedores escolares de Santiago. Así, o edil popular denunciou que o proxecto do goberno local é un “engano” que non supón ningún avance na calidade da alimentación infantil, senón un simple cambio de titularidade da empresa provedora.
Rubio desmontou o relato do goberno de BNG e CA, evidenciando que o novo sistema exposto na memoria técnica seguirá sendo un servizo de cátering industrial. Ademais lamentou que o goberno municipal pretenda presentar como pechado un modelo que aínda debe ser debatido e votado tanto na comisión correspondente como no Pleno municipal.
Os populares consideran “unha falta de respecto ás familias e á propia participación democrática anunciar como definitivo un proxecto que nin sequera conta aínda coa aprobación dos órganos municipais competentes”. Neste senso acusou a a Goretti Sanmartín de converter a comisión dos comedores nun ‘simple trámite’”
“O que hoxe nos intentan vender non é cociña caseira nin tradicional; é unha fábrica de comida”, afirmou o edil tras a comisión. “A alimentación das nosas crianzas vaise seguir preparando polas mañás nun polígono para envasar en recipientes plásticos e pasearase en furgonetas por toda a cidade ata chegar aos colexios. É unha tomadura de pelo dicir que isto é apostar pola calidade. O único que fan é cambiar un cátering privado por un cátering municipal para poñerlle o seu selo, mantendo intactos os peores defectos do sistema actual”.
“Fronte a este modelo de comida de fábrica -asegurou Borja Rubio, no PP de Santiago defendemos a única alternativa que garante unha alimentación sostible e saudable: a preparación dos alimentos in situ”.
“As familias compostelás -engadiu- non están a pedir unha nave industrial nos arredores da cidade que envase a comida dos seus fillos. O que levan anos demandando son cociñas nos propios colexios”, Ademais, Rubio insistiu en que “a comida feita no momento e no propio centro educativo é a única garantía de excelencia nutricional e pedagóxica. O goberno de BNG e CA debe abandonar este despropósito loxístico e apostar por un plan real e progresivo para levar as cociñas a onde teñen que estar: dentro dos nosos colexios”.