O concelleiro do Partido Popular en Santiago, José Antonio Constenla, vén de reclamarlle ao goberno de BNG e CA que cumpra co acordado no Pleno municipal do mes de marzo de hai xa máis de dous anos, no 2024; que supoñía a elaboración dun Plan de dinamización da venda ambulante, co fin de revitalizar o mercadillo de Salgueiriños.
“Nós -subliñou- levamos tempo explicando que este mercado, que ofrece unha actividade económica tradicional, precisa mellorar a súa viabilidade e reforzar o seu papel como medio de sustento para numerosas familias, sobre todo, dentro da comunidade xitana, pero ata o día de hoxe o goberno nacionalista nada fixo a este respecto”.
O edil popular quere lembrarlle ao goberno de BNG e CA que, coa súa inacción e falta de traballo, está condenando ao tradicional mercadillo de Salgueiriños á perda de competitividade.
José Antonio Constenla explicou que “este Plan é necesario para por en marcha medidas que favorecerían a súa promoción, como a difusión de información sobre o lugar e hora de celebración, mellora de servicios, flexibilización de horarios, etc…”.
O popular lamentou que, “como xa é “costume” no goberno de BNG e CA da capital de Galicia, ata o de agora, nada se fixo neste eido e non parece existir intención, por parte dos nacionalistas, de que se vaia a poñer en marcha ningunha das accións respaldadas polo Pleno municipal”.
Finalmente, Constenla remarcou que “apoiar ao pobo xitano é algo máis que subscribir un manifesto con motivo 8 de abril, Día Internacional do Pobo Xitano, o mercadillo dos xoves merece ser axudado e non o fan”.