O Partido Popular de Santiago denunciou hoxe o “deterioro progresivo da convivencia e da seguridade” na cidade e acusou ao goberno local de Goretti Sanmartín de “negar permanentemente un problema que cada vez preocupa máis a veciños, comerciantes e familias compostelás”.

Nunha comparecencia na que participaron José Ramón de la Fuente e Olaya Otero, os populares advertiron do aumento das pelexas, altercados e rifas tumultuarias en distintos puntos da cidade e reclamaron ao executivo municipal que abandone “a pasividade e a negación” e actúe con medidas concretas.

“A convivencia en Santiago está a deteriorarse e o Concello segue negando o problema e mirando cara a outro lado”, afirmou José Ramón de la Fuente, quen insistiu en que “non falamos de percepcións illadas nin de casos puntuais, senón de feitos reiterados que están a xerar preocupación social e unha evidente sensación de inseguridade”.

O concelleiro popular lembrou que “os datos oficiais do Ministerio do Interior reflicten un aumento da criminalidade en distintos ámbitos, e moi especialmente nas pelexas, liortas e rifas tumultuarias”. Segundo explicou, “desde 2023, primeiro dato con BNG e CA no goberno, as pelexas e rifas sofren un incremento do 78,26%”.

“As pelexas e rifas tumultuarias forman parte da preocupación diaria de moitos veciños con razón”, advertiu.

De la Fuente criticou duramente a actitude do goberno local ante esta situación e asegurou que “o máis grave non é só o aumento destes episodios violentos, senón a pasividade política de quen ten a responsabilidade de actuar”.

“Levamos meses escoitando ao goberno de BNG e CA repetir que Santiago é unha cidade segura e chamándonos apocalípticos, esaxerados e alarmistas”, lamentou, antes de responder que “quen alerta do problema non crea alarma; o que alarma é comprobar que o goberno de Goretti Sanmartín ignora o problema e está de brazos cruzados”.

O edil popular advertiu de que “cada vez son máis frecuentes as pelexas multitudinarias, os enfrontamentos violentos na vía pública, os altercados nocturnos e as agresións vinculadas a problemas de convivencia”, e acusou ao executivo local de “preferir negar o problema antes que afrontalo”.

Ademais, trasladou o apoio do Partido Popular ás asociacións veciñais, comerciantes e colectivos cidadáns “que levan moito tempo denunciando estes feitos” e que, segundo indicou, “sofren deterioración da convivencia, medo en determinadas rúas e prazas, conflitos recorrentes durante a noite e perda de tranquilidade nos seus barrios”.

“Reclamar seguridade e convivencia non é esaxerar. É defender o dereito de calquera veciño para vivir tranquilo na súa cidade”, sinalou.

Cinco medidas

Durante a comparecencia, José Ramón de la Fuente anunciou tamén varias propostas para mellorar a seguridade e a convivencia en Santiago. Entre elas, reclamou a creación dunha Mesa Permanente de Diálogo coa Veciñanza, incrementar o parque de cámaras de videovixilancia e dotalas dos medios necesarios para gravar imaxes, elaborar un Plan Municipal de Seguridade e Convivencia, desenvolver un plan específico para as zonas con maior concentración de altercados e reforzar a presenza policial, así como mellorar a iluminación da cidade.

“Negar un problema nunca serviu para solucionalo”, afirmou, antes de concluír que “Santiago necesita un goberno que escoite á cidadanía, que actúe con responsabilidade e que deixe de esconder a realidade detrás de titulares compracentes”.

O comercio fala de “medo” e “degradación”

Pola súa parte, Olaya Otero puxo o foco na situación que viven moitos comerciantes composteláns, asegurando que “a realidade é que nos gustaría poder falar nun contexto máis positivo, pero desafortunadamente non é posible”.

A concelleira popular denunciou que “as persoas que traballan no comercio compostelán teñen que desenvolver a súa actividade profesional en condicións de absoluta inseguridade” e advertiu de que “as e os comerciantes traballan a día de hoxe con medo”.

Segundo explicou, “en moitos casos teñen que traballar coas portas dos seus establecementos pechadas con chave por medo a roubos, ameazas e incluso agresións”.

Durante a comparecencia, Otero trasladou algúns dos testemuños recollidos entre comerciantes da cidade. “Intentou roubar e cando lle chamei a atención escupiume na cara”; “hai un mozo que se pasea pola zona cun coitelo”; “o trapicheo e o consumo de estupefacientes é habitual e a plena luz do día”; “situacións de gritos e pelexas a calquera hora son habituais”; ou “levamos catro anos de degradación total, en Santiago nunca pasou o que está pasando agora”, foron algunhas das situacións relatadas.

“Isto non o di o Partido Popular, dino as e os comerciantes de Santiago, que nos piden apoio nas súas denuncias e que urxen ao goberno da señora Sanmartín a tomar medidas e reforzar a presenza policial nas rúas”, afirmou.

A concelleira advertiu de que “a inseguridade xa non afecta a unha rúa ou unha zona illada, senón que se repite en diferentes rúas de Santiago, tanto no Casco Histórico como no Ensanche”.

“Non se entende, e ademais é unha falta de respecto absoluta para as persoas que manteñen en pé o noso comercio, que se siga negando unha realidade coñecida por toda a cidade”, criticou.

Finalmente, Olaya Otero preguntouse “onde está a señora alcaldesa” e cuestionou “se teñen pensado seguir negando a maior”. “De verdade ten que acontecer unha desgraza para que os nacionalistas reaccionen?”, concluíu.