A concelleira do Partido Popular de Santiago, Olaya Otero, denunciou “unha nova mostra da falta de xestión e do desleixo” do Goberno de BNG e CA tras comprobar que, “ás portas do mes de xuño, aínda non se deu a coñecer o establecemento gañador do concurso de escaparates de Nadal correspondente á edición de 2025”.
Otero considerou “incomprensible que, varios meses despois da celebración desta iniciativa, os profesionais do sector continúen sen coñecer o resultado dun certame que, aínda que non resolve os problemas do comercio compostelán, si representa un recoñecemento importante e un incentivo para un sector que leva anos afrontando importantes dificultades”.
“Estamos xa ás portas do verán, coa cidade pensando en San Xoán e nas festas estivais, e o Goberno de BNG e CA segue atrapado no Nadal sen ser capaz de resolver o seu concurso de escaparates. A este ritmo, igual coñecemos o gañador cando xa estean colocando de novo as luces”, ironizou Otero.
“O máis preocupante -remarcou- é que estamos falando dunha cuestión administrativa sinxela, dun procedemento que non lle debería presentar ningunha dificultade extraordinaria ao goberno nacionalista, polo que, se nin sequera é capaz de resolver algo tan básico, que se pode esperar dunha xestión municipal que afrontar retos moito máis complexos?”.
A edil popular lembrou que “detrás deste concurso hai comerciantes que dedicaron tempo, esforzo e recursos para participar, cumprindo coas bases establecidas e contribuíndo ademais á dinamización da cidade”.
“Os comerciantes son moito máis que un tecido económico: manteñen viva a identidade de Santiago, crean emprego estable e vinculado ao territorio e fan cidade cada día”, insistiu Otero.
A popular subliñou o papel que desempeñan durante as festas do Nadal, xa que a decoración e o coidado dos escaparates contribúen a crear ambiente e a facer máis atractiva a cidade nunhas datas moi importantes para a actividade comercial. “Sen o esforzo e a implicación do pequeno comercio -aclarou-, a imaxe do Nadal en Santiago sería moito máis pobre”.
“O feito de que, a estas alturas do ano, aínda non se coñezan as persoas ou establecementos premiados é unha mostra do nulo interese do goberno de BNG e CA por apoiar ao comercio local e evidencia que, de pouco serven os discursos e os anuncios se logo, cando chega o momento de actuar, todo queda reducido á propaganda e ao bloqueo de cuestións tan sinxelas como esta”, dixo.
Finalmente, a concelleira popular esixiulle ao goberno nacionalista que “publique de maneira inmediata a resolución do concurso” e preguntou se a intención é “dar a coñecer o gañador do Nadal de 2025 ao mesmo tempo que se presente a edición de Nadal de 2026”.