O concelleiro do Partido Popular de Santiago José Ramón de la Fuente denunciou hoxe que “os traballadores dos centros socioculturais seguen sen cobrar e a responsabilidade desa morosidade xa non é da empresa; agora mesmo, o moroso é o Goberno de Goretti Sanmartín”.
De la Fuente compareceu para denunciar “unha vez máis” a situación “absolutamente intolerable” que están vivindo os traballadores e traballadoras da empresa contratista dos centros socioculturais de Santiago, aos que “aínda se lles deben seis meses de salarios”.
O edil popular lembrou que no mes de xaneiro o goberno de BNG e CA anunciou que iniciaba o procedemento “definitivo” para que os traballadores cobrasen dunha vez os salarios pendentes. “Anunciaban que pronto cobrarían. Estamos finalizando o mes de maio e os traballadores seguen sen cobrar”, lamentou.
Segundo explicou, os propios traballadores trasladaron ao PP a existencia dun novo atranco que “o goberno non preveu”: a empresa mantén débedas coa Seguridade Social, unhas débedas que teñen preferencia de cobro fronte ás salariais e que “poden prexudicar o dereito dos traballadores a cobrar o que se lles debe”.
“Nalgúns casos, os traballadores temen incluso quedar definitivamente sen cobrar”, advertiu De la Fuente, quen puxo en valor que estas persoas “seguiron desempeñando o seu traballo e sostendo un servizo público esencial para moitos barrios e parroquias do concello mentres BNG e CA miraba para outro lado e demostraba unha insultante indolencia e unha alarmante incapacidade para xestionar esta crise”.
O concelleiro popular asegurou que o goberno de Goretti Sanmartín coñecía “perfectamente” os incumprimentos da empresa concesionaria “desde finais de 2024” e, a pesar diso, “seguiu actuando con lentitude, falta de control e ausencia total de reacción política e, o que é máis grave, sen importarlle nada os traballadores”.
De la Fuente lembrou que durante meses o Partido Popular levou ao Pleno iniciativas, propostas e peticións para reclamar “respecto polos traballadores afectados e máis axilidade na xestión deste departamento”. “Advertimos reiteradamente de que a situación podía acabar explotando e de que era necesario actuar canto antes e con máxima firmeza”, indicou.
Neste sentido, criticou que “non se adoptaron a tempo medidas eficaces para garantir que os pagos públicos acabasen realmente nas nóminas dos traballadores” e tamén que “o Concello demorou excesivamente a licitación dun novo contrato que permitise substituír un contrato que xa estaba claramente deteriorado”.
Segundo sinalou, “só pola presión e insistencia constante da oposición” o goberno de BNG e CA acabou acordando a incautación da garantía depositada pola empresa para intentar pagar directamente aos traballadores. “Unha decisión que, ao noso xuízo, debería terse tomado moito antes”, afirmou.
“Agora atopámonos con que esas xestións poden quedar bloqueadas polas débedas da empresa coa Seguridade Social, que teñen preferencia de cobro. É dicir, o goberno de Goretti Sanmartín chega tarde unha vez máis”, insistiu.
O edil popular afirmou que “fallou a xestión do goberno de Goretti Sanmartín, que non tivo empatía, comprensión nin respecto para eses traballadores en ningún momento” e asegurou que “os traballadores non poden seguir pagando as consecuencias da incapacidade dun goberno que chegou tarde a todos e cada un dos pasos desta crise”.
Por iso, o Partido Popular esixiu “responsabilidades políticas claras por unha xestión marcada pola improvisación, pola indolencia e pola incompetencia” e reclamou que “a alcaldesa non pode seguir agochada detrás do concelleiro; debe dar a cara”.
De la Fuente lembrou ademais que “isto mesmo” xa llo reclamaba Goretti Sanmartín a Xosé Sánchez Bugallo no ano 2022. “Pedíalle que asumise responsabilidades políticas polo funcionamento da rede de centros socioculturais. Nós pedímoslle agora que sexa coherente e asuma ela responsabilidades ante a máis grave crise sufrida polos traballadores da rede de CSC, unha crise provocada pola xestión do seu goberno”, afirmou.
Finalmente, o Partido Popular esixiu a Goretti Sanmartín que deixe de “arrastrar os pés”, que abandone “a súa insoportable actitude pasiva” e active “de inmediato todas as vías legais, administrativas e orzamentarias necesarias” para garantir que os traballadores cobren o que se lles debe.
“Queremos que a alcaldesa dea a cara e confirme se é certo que está en risco que os traballadores poidan cobrar o que se lles debe por esas débedas coa Seguridade Social. Queremos saber cando soubo o Concello a existencia desas débedas, se se informou aos traballadores desta situación e por que no Concello da Coruña, nun caso idéntico, coa mesma empresa e coas mesmas condicións, os traballadores cobraron nun mes e en Santiago levan oito meses esperando”, concluíu.