O líder do Partido Popular de Santiago, Borja Verea, defendeu hoxe no Pleno municipal a necesidade de reactivar e culminar a rehabilitación do Palacete do Espiño, un dos edificios modernistas máis singulares da cidade, denunciando que a súa situación actual “converteuse nun símbolo bastante triste da sensación de abandono e resignación que demasiadas veces transmite Santiago”.

Durante a súa intervención, Verea lembrou que o Espiño forma parte dunha finca histórica “extraordinaria”, recuperada parcialmente nos últimos anos para uso público e incorporada xa á vida cotiá de moitos composteláns como parque e espazo de paseo. Precisamente por iso, considerou “moi difícil de entender” que un lugar con “ese valor histórico, patrimonial e emocional” leve tantos anos atrapado “nunha sucesión permanente de paralizacións, problemas administrativos, obras inconclusas e deterioro progresivo”.

O líder popular advertiu ademais de que a preocupación pola situación do edificio non é unha denuncia exclusiva da oposición, senón que os propios informes municipais recoñecen expresamente que o inmoble continúa deteriorándose desde a paralización das obras e alertan incluso do risco de ruína no caso de non actuar.

“Iso debería facernos reflexionar, porque ao final unha cidade non comeza a deteriorarse unicamente cando aparecen gretas nun edificio. Unha cidade comeza a deteriorarse cando se acostuma demasiado a convivir con proxectos a medio facer, con espazos emblemáticos abandonados e coa sensación permanente de que nada remata de resolverse nunca”, afirmou.

Neste sentido, Verea asegurou que un dos grandes problemas que ten actualmente Santiago é precisamente que “pouco a pouco nos estamos acostumando a ver como as cousas se paran, se eternizan ou simplemente se deixan caer mentres pasan os anos”.

Para o líder popular, o debate sobre o futuro do Espiño “vai moito máis alá dunha obra concreta ou dun contrato fallido”, xa que, ao seu xuízo, o que está en xogo é “a capacidade que ten unha cidade para coidar aquilo que a fai recoñecible e valiosa”.

“Conservar patrimonio non consiste unicamente en protexer pedras ou catalogar edificios. Conservar patrimonio significa devolverlle vida a espazos que forman parte da memoria colectiva da cidade e evitar que acaben convertidos en símbolos de decadencia”, sinalou.

Borja Verea rexeitou “aceptar que o destino do Espiño sexa ese” e reclamou que Santiago “volva mirarse a si mesma con máis ambición”, recuperando a idea de que os proxectos importantes “deben rematarse” e que os espazos emblemáticos “teñen que recuperarse”.

“Unha cidade coa historia, a personalidade e o potencial de Santiago non pode permitirse convivir indefinidamente co abandono”, asegurou.

Finalmente, o líder popular advertiu de que “cando unha cidade deixa caer os seus lugares máis simbólicos, no fondo tamén empeza a perder pouco a pouco a confianza en si mesma”, e reivindicou “un Santiago capaz de recuperar, rehabilitar e transformar os seus espazos históricos para devolvelos á vida da cidade”.

“O Espiño non pode seguir sendo unha ruína paralizada no medio de Santiago. Ten que volver ser un lugar vivo, útil e orgulloso para todos os composteláns”, concluíu.