O líder do Partido Popular de Santiago, Borja Verea, defendeu este venres no Parlamento de Galicia a necesidade de que Compostela “volva ser unha cidade aberta, ambiciosa e capaz de xerar oportunidades”, apostando por unha visión “máis confiada” sobre o futuro da cidade e sobre o papel do turismo e da actividade económica.
Durante a súa intervención, Verea asegurou que “Santiago merece algo mellor que un goberno instalado permanentemente na sospeita cara ao turismo e cara á actividade económica” e reivindicou unha cidade “aberta, internacional e atractiva para visitar, para investir, para organizar congresos e para desenvolver actividade cultural e económica”.
“O turismo non é un inimigo de Santiago. Forma parte da súa identidade, da súa economía e da súa proxección internacional”, afirmou.
Neste sentido, o líder popular puxo en valor o potencial de Santiago para atraer congresos, eventos internacionais, turismo cultural e actividade económica de calidade, nun contexto no que “moitas cidades europeas están traballando precisamente para reforzar a súa proxección internacional”.
Ademais, insistiu en que defender o turismo “non significa apostar por un modelo masivo nin descontrolado”, senón por “un crecemento con planificación, equilibrio e ambición”.
Con todo, advertiu de que “cada vez máis xente na cidade percibe” que Santiago “leva demasiado tempo enviando unha mensaxe negativa sobre si mesma”.
“Nesta cidade parece que o turismo é un problema, que abrir un hotel é sospeitoso, que mellorar conexións é malo ou que falar de visitantes é incómodo”, sinalou.
Así mesmo, lamentou que “calquera proxecto vinculado á mobilidade, á actividade económica ou á modernización da cidade acaba permanentemente cuestionado” e advertiu de que “as cidades tamén compiten a través da imaxe que proxectan”.
Por último, Borja Verea asegurou que quere “un Santiago orgulloso do que representa no mundo” e insistiu en que a cidade “ten que volver liderar”.