O concelleiro do Partido Popular de Santiago, Adrián Villa, volve denunciar “a absoluta falta de mantemento, planificación e xestión do goberno de BNG e CA, que continúa dando as costas ás necesidades reais da veciñanza e permitindo o deterioro progresivo de barrios como o de San Lázaro”.

“A situación nesta zona da cidade é cada vez máis preocupante, -remarcou- con beirarrúas en mal estado; firmes deteriorados; ausencia de pasos de peóns en cruces moi transitados; falta de mobiliario urbano; eivas evidentes en parques e xardíns e falta de poda e conservación son só algúns dos problemas que os veciños levan meses denunciando”.

Villa considerou inadmisible que, mentres o goberno nacionalista vende unha imaxe de cidade coidada e moderna, “a realidade é completamente distinta como se poder ver no barrio de San Lázaro, que se converteu nun exemplo claro do abandono que sofren moitas zonas de Santiago, pola incapacidade de xestión dun goberno nacionalista máis preocupado pola propaganda que por resolver os problemas diarios da cidadanía”.

“A falta de mantemento das beirarrúas non só supón unha cuestión estética, senón tamén un serio problema de seguridade, posto que hai zonas nas que o pavimento ten desperfectos importantes, levantamentos e fochancas, o que dificulta o paso e incrementan o risco de caídas, sobre todo, para persoas maiores, persoas con mobilidade reducida ou familias con carriños de bebés”, explicou.

O edil popular tamén insistiu “na ausencia de pasos de peóns en cruces principais, o que converte algúns puntos do barrio en auténticos espazos de perigo, obrigando ás persoas a cruzar sen garantías de seguridade”.

“Tampouco se entende -subliñou- o abandono en materia de parques, xardíns e zonas verdes; a falta de roza; a escasa limpeza e a ausencia de conservación do mobiliario urbano transmiten unha imaxe de abandono impropia da capital de Galicia”.

Adrián Villa lémbralle ao goberno de BNG e CA que “as actuacións que fan falta no barrio de San Lázaro non son grandes proxectos: son só as obrigas básicas dun goberno responsable, xa que manter as rúas en condicións dignas, garantir a seguridade peonil e conservar os espazos públicos non debería ser unha excepción, senón unha prioridade”.

“O problema -agregou o edil- non é a falta de recursos, senón a falta total de xestión e de vontade política, o goberno nacionalista leva demasiado tempo instalado na improvisación, no abandono e na propaganda, mentres os barrios pagan as consecuencias da súa inacción”.

Finalmente, Villa recordoulles que “gobernar non é anunciar, gobernar é manter, actuar e dar resposta á veciñanza e hoxe, lamentablemente, o goberno de BNG e CA non está a facer ningunha desas tres cousas”.