A concelleira do Partido Popular de Santiago, María Baleato, reclamoulle ao goberno de BNG e CA que execute, sen máis demoras, o contrato de sinalización intelixente do patrimonio cultural da cidade, “unha actuación que resultará estratéxica para mellorar a información turística e poñer en valor o rico legado histórico e cultural de Santiago”.
Destacou que “o contrato contemplaba a elaboración dun plan integral de sinalización turística do patrimonio cultural, a implantación dun sistema de información turística e a instalación de novos elementos de sinalización intelixente distribuídos polo termo municipal”.
Baleato lembrou que este contrato foi licitado o 26 de maio de 2023, cun orzamento de case 600.000 e que foi adxudicado o 17 de abril de 2024, por un importe de 459.800 euros. O contrato asinouse o 29 de maio dese mesmo ano e establecía un prazo de execución dun ano, sen posibilidade de prórroga, polo que debería estar rematado desde o 29 de maio de 2025.
“Ante os atrasos acumulados, remarcou o goberno nacionalista aprobou o 26 de maio de 2025 unha prórroga extraordinaria de oito meses, recoñecendo expresamente que as demoras eran responsabilidade do goberno de BNG e CA e non da empresa, finalmente, a nova data límite quedou fixada no 28 de xaneiro de 2026, pero nesa mesma data, cando debía estar rematado o contrato, o goberno nacionalista volveu autorizar unha segunda ampliación do prazo de execución, esta vez por outros 6 meses máis que vencen o 28 de xullo de 2026”.
A edil popular subliñou que, “estando a piques de rematar esta segunda ampliación do prazo e de comezar o verán, a cidade segue sen contar cos elementos de sinalización comprometidos nin se observan avances visibles na implantación deste sistema intelixente”.
“O máis preocupante -insistiu- non é só o atraso, senón a incapacidade do goberno de BNG e CA para sacar adiante un proxecto que eles mesmos consideraron prioritario, Santiago non pode permitirse ter paralizadas actuacións destinadas a mellorar a experiencia dos visitantes e a difusión do noso patrimonio cultural”.
“Por todo iso, é necesario que o goberno nacionalista leve a cabo todas as xestións necesarias para garantir a execución inmediata do contrato e a instalación dos elementos previstos, poñendo fin a un atraso que xa supera amplamente os prazos inicialmente establecidos”, remarcou.
Finalmente, Baleato indicou que “esta situación é un exemplo máis da falta de capacidade de xestión do goberno do BNG e CA, que acumula proxectos anunciados pero sen resultados visibles para a cidadanía”.