A concelleira do Partido Popular de Santiago, Rosario Ferreiro, preguntoulle ao goberno de BNG e CA sobre a situación das obras de naturalización da Lagoa do Auditorio e restauración fluvial do río Corgo, “un proxecto -dixo- que contaba con financiamento europeo e que hoxe permanece paralizado tras perder os fondos”.
Ferreiro lamentou que “unha actuación chamada a mellorar o espazo natural da cidade e á recuperación ambiental da contorna sexa un novo exemplo da falta de planificación e capacidade de xestión do goberno de BNG e CA”. “A licitación da obra quedou paralizada cando aínda tiña pendente un informe técnico, algo que supuxo a perda dos fondos europeos do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia destinados ao proxecto”, explicou.
Para a popular, “resulta incomprensible que o goberno nacionalista deixe escapar unha oportunidade deste calibre, pola inacción e a incapacidade do goberno de BNG e CA para tramitar en prazo unha actuación estratéxica para a capital de Galicia”.
“É especialmente grave que, unha vez perdida a financiación europea, os nacionalistas non teñan trasladado con claridade á veciñanza, nin á oposición cal é o futuro desta actuación, nin se existe vontade real de executala con recursos propios ou con novas vías de financiamento”, subliñou.
“O problema xa non é só a paralización dunha obra; o problema é que Santiago perde investimentos, oportunidades e tempo por culpa dunha xestión deficiente que se repite proxecto tras proxecto”, concluíu.
Finalmente, Rosario Ferreiro advertiu de que “esta situación supón unha oportunidade desaproveitada para avanzar na recuperación ambiental da cidade e evidencia a falta de dilixencia do goberno nacionalista que acumula proxectos anunciados, pero é incapaz de transformalos en realidades para a veciñanza”.