O líder do PP en Santiago, Borja Verea,, e a presidenta da Fundación Andrea, Charo Barca presentaron este mércores o I Torneo Solidario Jesús Pampín de fútbol 8, unha iniciativa que se celebrará o vindeiro 27 de xuño nas instalacións deportivas de Santa Isabel e que nace coa vocación de unir á sociedade compostelá arredor dunha causa solidaria e de demostrar que a colaboración entre a veciñanza e os representantes públicos pode dar lugar a grandes proxectos.

Durante a presentación, Verea puxo en valor o papel do deporte como unha ferramenta de educación, integración e transmisión de valores como o esforzo, o compañeirismo e a superación, pero tamén como unha vía para axudar aos demais.

Neste sentido, destacou que o obxectivo é que esta primeira edición se converta nun punto de encontro para a solidariedade e a participación da cidade. O torneo levará o nome de Jesús Pampín, unha persoa moi vinculada tanto ao deporte como á vida pública compostelá, a quen se pretende render homenaxe e agradecer a súa contribución ao longo dos anos.

“O seu nome quedará unido a un evento que representa os valores polos que sempre apostou: solidariedade, participación, xenerosidade e deporte”, sinalou.

Con todo, o líder do PP en Santiago quixo destacar que o verdadeiro protagonista da iniciativa é a Fundación Andrea, entidade á que se destinarán integramente os fondos recadados durante a xornada. A organización desenvolve un importante labor de acompañamento a nenos e nenas con enfermidades crónicas ou de longa duración e ás súas familias.

Por iso, fixo un chamamento á participación da cidadanía, dos clubs deportivos, das asociacións e de todas aquelas persoas que desexen achegar o seu gran de area. “Cada equipo inscrito, cada patrocinador, cada colaborador e cada persoa que participe estará contribuíndo a facer un pouco máis doada a vida de moitas familias”, afirmou.

Verea explicou que a intención é que o torneo sexa unha gran festa do deporte, pero sobre todo unha gran mostra de solidariedade, un espazo para competir, convivir, lembrar ás persoas xenerosas e axudar a quen máis o necesita.

Pola súa banda, a presidenta da Fundación Andrea, Charo Barca, agradeceu a posta en marcha desta iniciativa e amosou a satisfacción da entidade por poder formar parte dun proxecto que une deporte, saúde e infancia, tres ámbitos que cualificou de prioritarios.

Barca incidiu en que o deporte educa en valores e en hábitos saudables, especialmente entre a xente nova, e animou á participación dos centros educativos, dos mozos e mozas maiores de 16 anos, das asociacións deportivas e da Universidade de Santiago de Compostela, aproveitando unhas datas que considerou especialmente favorables para a celebración do torneo.

A presidenta da Fundación Andrea recoñeceu que a organización dun evento destas características non é sinxela, debido á configuración dos distintos partidos e cadros de competición, pero mostrouse encantada de colaborar en toda a parte organizativa para que esta primeira edición sexa un éxito.

Como participar

Os donativos para participar serán de cinco euros por participante e destinaranse integramente á Fundación Andrea. Para anotarse deberán escribir ao número de Whatsapp 614 87 14 54, mentres que e os donativos e a fila cero irán ao código de Bizum 00908. O prazo de inscrición remata o mércores 24 de xuño.

Uns recursos que, segundo explicou Barca, reverterán directamente nas familias e nos menores aos que atende a entidade a través dos seus tres grandes ámbitos de actuación. 

Así, unha parte do traballo da fundación céntrase na dulcificación dos espazos pediátricos, tanto no ámbito sanitario como tamén, recentemente, en colaboración cos xulgados. Ademais, a entidade conta con tres casas de acollida en Santiago nas que atende arredor de 250 familias ao ano.

A terceira gran área de actuación son as terapias directas, mediante as que a Fundación Andrea presta apoio económico ás familias para sufragar tratamentos e servizos fundamentais para o benestar dos menores, como a fisioterapia, a logopedia ou a atención psicolóxica.

“Todo iso, que supón un orzamento moi importante para nós, vai verse apoiado por este primeiro torneo”, sinalou Barca, quen asegurou que a entidade acolleu a iniciativa “con todo o corazón” e convidou á cidadanía compostelá a sumarse a unha xornada que cualificou de “moi especial”.

O I Torneo Solidario Jesús Pampín aspira así a converterse nunha cita de referencia na cidade, combinando deporte, convivencia e solidariedade para contribuír a mellorar a vida de moitas familias.